A antropóloga social Luzia Oca afonda na relación Galicia-Cabo Verde na charla online de outubro

A antropóloga social Luzia Oca afonda na relación Galicia-Cabo Verde na charla online de outubro

A antropóloga social Luzia Oca afonda na relación Galicia-Cabo Verde na charla online de outubro 1199 1199 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A ribadense Luzia Oca González, doutora en Antropoloxía Social, estará nos perfís de Facebook e Twitter do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para compartir o seu importante labor no fortalecemento dos lazos entre Galicia e Cabo Verde. O vindeiro martes 27 de outubro, entre as 18.00 e as 19.30 horas, a presidenta da Asociación para a Cooperación con Cabo Verde (ACCVE) falará coas e cos participantes no encontro dixital #Alén2015 de outubro como impulsora da integración laboral, social e cultural da comunidade caboverdiana en Burela, así como da súa experiencia en cooperación, con especial fincapé nos sectores de poboación excluídos das illas, entre outras cuestións.

Esta charla permitirá coñecer de primeira man a súa dilatada implicación en proxectos de cooperación ao desenvolvemento nas illas ao frente da ACCVE, como a Cooperativa Sulada, que contou co apoio económico do Fondo Galego, así como o profundo estudo realizado en torno á importancia do xénero nos procesos migratorios e o papel das migrantes caboverdianas en Burela dende a súa chegada ao municipio na década dos 70, base da súa tese 'Caboverdianas en Burela (1978/2008): Migración, relacións de xénero e intervención social'.

#EncontroOca

Existen diferentes vías para poder participar na conversa. Durante a mesma, pódense facer as preguntas en "comentar", debaixo da imaxe de Luzia Oca que se subirá ao muro do perfil de Facebook do Fondo Galego ás 18 horas do vindeiro martes 27 de outubro. No Twitter pódense deixar as cuestións para a investigadora co hashtag #EncontroOca.

Aquelas persoas que non poidan participar en directo poden deixar as súas dúbidas con carácter previo neste formulario; no Facebook, no espazo reservado a comentarios nos post que anuncien o encontro ou nunha mensaxe privada; no Twitter, co citado hashtag, ou envialas a: fondogalego@gmail.com.

Aquelas persoas que acheguen as súas cuestións a través destas vías poderán obter un exemplar da revista Tempo Exterior do Igadi, a que escollan do catálogo; e só por participar entrarán nun sorteo dun lote de libros que realizaremos o 23 de decembro, cando finalicen os encontros #Alén2015.

Luzia Oca González

É licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía, doutora en Antropoloxía Social pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e realizou un mestrado de Desenvolvemento Local pola Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal da Galiza. Dende 2004 é profesora auxiliar do Departamento de Socioloxía, Economía e Xestión da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD).

Con carácter paralelo, combina este traballo con tarefas de identificación e execución de proxectos de cooperación ao desenvolvemento en Cabo Verde (Santiago, São Vicente), con mulleres rurais e menores en risco, na Asociación para a Cooperación con Cabo Verde, da que é presidenta.

Nos anos precedentes coordinou en España o proxecto LI&LA para o fortalecemento das relacións entre a diáspora caboverdiana residente no Estado e o seu país de orixe a través da ACCVE. Así mesmo, dirixiu o proxecto 'Aumento das capacidades humanas, sociais e institucionais' en Cabo Verde coa Asociación para a Integración do Menor Paideia.

Foi técnica de Igualdade e Promoción da Muller no Concello de Camariñas e coordinadora do Proxecto Municipal de Integración de Inmigrantes no Concello de Burela, así como do proxecto Bogavante, de integración laboral, social e cultural da comunidade caboverdiana en Burela.

Recibiu o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2014, co traballo 'Badías en Burela. 1978/2008' e ten publicacións en diversos libros e actas de encontros científicos sobre xénero, migración, integración social en Galicia ou a comunidade caboverdiana na mariña e en España.

#Alén2015

O programa de encontros dixitais #Alén2015 púxose en marcha en xaneiro de 2014 a través de doce charlas online mensuais coa finalidade de achegar á cidadanía a valoración de diferentes axentes da cooperación sobre a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), definidos no ano 2000 pola ONU, e que concluíron o pasado mes de setembro.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade continúa ao longo deste ano coas conversas #Alén2015 coa finalidade de avaliar os ODM, promover o debate e a reflexión en torno a distintas temáticas relacionadas con estas metas e darlle visibilidade ás propostas das persoas convidadas para a nova axenda de desenvolvemento sostible, concretada nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, aprobados en Nova York a finais de setembro e que guiarán a cooperación internacional ata 2030.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información