Enxeñería sen Fronteiras organiza esta semana en tres concellos o foro aberto 'A xestión municipal do dereito humano á auga', unha actividade que xa se desenvolveu a principios de outubro na Coruña. O mércores 21 terá lugar no salón de plenos do Concello de Teo ás 19 horas, mentres que o xoves 22 se celebrará no Pazo da Peregrina, na parroquia amiense de Bertamiráns, e o venres 23 en Monforte de Lemos, no Centro Cívico do Malecón ás 19 horas. A xornada está vinculada ao proxecto que a ONGD desenvolve en Honduras para mellorar o acceso á auga potable co apoio do Fondo Galego de Cooperación.
Os encontros céntranse na importancia da transparencia e da boa gobernanza nas administracións públicas para asegurar o dereito á auga, tendo en conta as leccións aprendidas no caso hondureño e a súa aplicación nas nosas vilas. A ONU recoñece este dereito de xeito específico e os concellos, dada súa proximidade á cidadanía, teñen competencias chave á hora de garantilo. Pola súa banda, Enxeñería sen Fronteiras conta con experiencia neste ámbito tamén en El Salvador ou nos campamentos saharauís.
O obxectivo da sesión é sensibilizar sobre o acceso á auga como unha problemática global que pode tamén ter solucións comúns. O ciclo integral, o marco lexislativo, os modelos de xestión ou as boas prácticas no uso da auga son algunhas das cuestións que se abordarán, para propiciar o debate coas persoas asistentes. A cita está aberta a toda a veciñanza, aínda que está especialmente indicada para o persoal implicado na supervisión do servizo de auga e saneamento municipal.