O 17 de outubro conmemórase o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza e ao longo de todo o mes unha ducia de concellos socios do Fondo Galego de Cooperación participan en actividades de sensibilización a prol da solidariedade internacional e da loita contra as desigualdades.
O día 20, A Tropa de Trapo retoma en Malpica de Bergantiños a xira 'Ti tamén contas', que na xornada seguinte recalará en Mondoñedo. Nesta semana celebraranse tamén outros tres foros sobre a xestión municipal do dereito humano á auga da man de Enxeñería sen Fronteiras: o mércores en Teo, o xoves en Ames e o venres en Monforte de Lemos, logo de que o primeiro tivera lugar na Coruña o 1 de outubro. Canda Amigos da Terra organizarase ademais unha xornada técnica sobre a depuración natural das augas residuais urbanas, o 29 de outubro en Moaña. Asemade, na Casa da Cultura de San Sadurniño permanecerá ata finais de mes a exposición 'A paz, cuestión de fondo'.
Mentres tanto, continúan os proxectos de cooperación directa en Cabo Verde e Mozambique e con ONGD galegas en Honduras, Guatemala, Nicaragua, Perú e India. Nestes intres desenvólvense tamén as viaxes do programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo. Persoal técnico dos concellos da Estrada e Redondela e mais de Rianxo e a Pobra colaboran cos municipios caboverdianos de Santa Cruz e Ribeira Grande, respectivamente. Empregadas dos concellos de Bergondo e Monforte, pola súa banda, apoian en Nicaragua ao Instituto de Promoción Humana-Somoto.
'Construír un futuro sostible: unirnos para poñer fin á pobreza e á discriminación' é o lema escollido este ano por Nacións Unidas para conmemorar o 17 de outubro, agora que vén de aprobarse a nova axenda post 2015. Os estados membros da ONU comprométense así cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, onde a primeira meta é "poñer fin á pobreza en todas as súas formas en todo o mundo".