O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, axencia municipalista da cooperación galega que agrupa actualmente a 87 concellos e 2 deputacións, fai público este comunicado, a través do que condena con vehemencia os bombardeos dirixidos polas tropas estadounidenses sobre un hospital de Médicos sen Fronteiras.
O pasado 3 de outubro na cidade de Kunduz, en Afganistán, tropas estadounidenses atacaron de forma consciente un hospital da ONG Médicos sen Fronteiras, atendido por persoal da propia entidade, ocasionando 22 mortos e en torno ás 40 persoas feridas, entre as que se atopan tanto pacientes coma cooperantes. A xustificación achegada por Estados Unidos sobre a existencia de terroristas talibáns no hospital no momento do ataque, entra en contradición coa información achegada pola propia ONG, que defende que só estaba ocupado por persoal sanitario e pacientes. O Fondo Galego únese á esixencia formulada por MSF para abrir unha investigación profunda e transparente sobre o acontecido, levada a cabo por un órgano internacional independente.
Médicos sen Fronteiras, Premio Nobel da Paz no ano 1999 polo seu traballo humanitario, eficaz e independente, é un referente dentro das organizacións de axuda humanitaria que desenvolve o seu labor en dez países de entre os máis empobrecidos do mundo. O Fondo Galego destaca e dá os parabéns polo seu labor a esta organización que se enfronta ás consecuencias deste ataque gratuíto e inxustificado, e alenta para continuar o seu traballo na defensa dos Dereitos Humanos Universais. Así mesmo, aproveitamos para enviar as nosas condolencias a todas as persoas afectadas por ditos bombardeos, vítimas directas e indirectas, cooperantes, entidades de cooperación ao desenvolvemento e de loita pola paz, tras este grave ataque ao Dereito Humanitario Internacional.
Cómpre reflexionar sobre a impunidade dos crimes de guerra perpetrados polos países occidentais sobre os países empobrecidos, cómpre reflexionar sobre o silencio sistemático da comunidade internacional e cómpre tamén seguir loitando pola paz e a xustiza para todas e todos, en todas partes.