O fotoxornalista Rober Amado prepara en Cabo Verde unha exposición para o Fondo Galego

O fotoxornalista Rober Amado prepara en Cabo Verde unha exposición para o Fondo Galego

O fotoxornalista Rober Amado prepara en Cabo Verde unha exposición para o Fondo Galego 1600 1066 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O fotógrafo Rober Amado áchase ata finais de mes en Cabo Verde retratando a vida no arquipélago africano e os proxectos alí apoiados durante os últimos once anos polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para preparar unha exposición que logo xirará por municipios de toda Galicia. A viaxe forma parte do premio da primeira edición de 'Imaxes con Fondo' 2012, certame que o fotoxornalista ferrolán residente no Carballiño gañou o pasado ano.

Desde comezos de outubro, Rober Amado leva percorrido seis illas para visitar as iniciativas cofinanciadas pola asociación de deputacións e concellos galegos en materia de xénero, educación, auga e saneamento, vivenda ou infraestruturas comunitarias, así como o programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo. No seu blog pódese seguir a andaina en Cabo Verde deste profesional, que publica en distintos medios e colabora activamente con ONG, amais de ter gañado o premio Tiflos da ONCE.

Desde 2002, o Fondo Galego apoiou no país lusófono 33 proxectos de cooperación para o desenvolvemento en parcería coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos. Nestes intres, están a rematar os dous últimos, que contan cunha importante achega do Concello de Vigo, un deles para mellorar o tratamento do lixo en Porto Novo e outro para dinamizar a agricultura en Santa Cruz. As distintas iniciativas están a ser fotografadas por Rober Amado, que presentará o resultado do seu traballo o vindeiro 10 de decembro nas VIII Xornadas organizadas polo Fondo Galego con motivo do Día Internacional dos Dereitos Humanos.

O evento celebrarase na semana da Irmandade Galicia Cabo Verde, na que unha comitiva caboverdiana se desprazará a Galicia para manter diferentes encontros con institucións e asociacións a fin de dar a coñecer e poñer en valor a cooperación bilateral e os vínculos xerados durante máis dunha década.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información