O Fondo Galego de Cooperación renova a súa Executiva con Nigrán na Presidencia

O Fondo Galego de Cooperación renova a súa Executiva con Nigrán na Presidencia

O Fondo Galego de Cooperación renova a súa Executiva con Nigrán na Presidencia 1199 799 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O alcalde de Nigrán, Juan González (PSOE), é o novo presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A Asemblea Xeral de socios aprobou esta mañá por unanimidade a renovación da Comisión Executiva, que rexerá a entidade nos próximos catro anos. A edil redondelá Teresa París (PP), que exerceu a Presidencia na derradeira lexislatura, será agora vicepresidenta, mentres que Carme Fouces (BNG), concelleira de Benestar Social en Pontevedra, entra na Tesourería.

Incorpóranse tamén ao órgano de goberno e administración do Fondo Galego a edil Gloria Prada (PSOE), de Monforte de Lemos; o concelleiro Daniel Fernández (PP), de Cartelle, e mais Goretti Sanmartín (BNG), da Deputación da Coruña. O Concello coruñés e mais o de Oleiros conservan cadansúa vogalía, agora con Rocío Fraga (Marea Atlántica) e Marga Figueroa (Alternativa dos Veciños), respectivamente, como representantes. O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), que impulsou a creación da asociación en 1997, seguirá encargándose da Secretaría, na figura de Andrea García Corzo.

"O camiño é que o Fondo Galego siga contribuíndo a mellorar a vida das persoas", avanzou o novo presidente, xa que "o obxectivo será traballar para que dentro doutros catro anos nos sintamos orgullosos desta nova Executiva". "Contamos con todas e todos vós", díxolles Juan González aos representantes de máis de trinta municipios presentes na Asemblea. A composición da nova Comisión foi proposta pola saínte, tendo en conta a actual configuración partidaria das entidades locais galegas. Teresa París, pola súa banda, apostou por "que os próximos catro anos sigamos xuntos defendendo o modelo desta rede de institucións e persoas para sacar o traballo adiante".

Máis de trinta entidades socias asistiron á Asemblea.Alén da renovación orgánica, que cómpre tras cada convocatoria de eleccións municipais, na sesión expúxose o balance dos últimos catro anos, nos que destacan fitos coma o de que a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) recoñeza ao Fondo Galego como axencia do municipalismo para a cooperación internacional ou que a entidade teña asesorado a Alemaña e Portugal na promoción das súas redes de cooperación descentralizada a través dun proxecto europeo. Na última lexislatura fóronse ademais incrementando os fondos para a convocatoria de proxectos de desenvolvemento en países do Sur e canalizouse axuda de emerxencia a través das axencias da ONU. Intensificáronse asemade as actividades de sensibilización en Galicia e os esforzos en comunicación.

Algúns dos concellos socios asistentes á xuntanza aproveitaron ademais para expoñer a súa opinión ao respecto da actual crise migratoria e de persoas refuxiadas, que será tida en conta para tomar futuras decisións neste senso. O Fondo Galego xa publicou unha declaración institucional na que pon a disposición o seu traballo e experiencia. Coa Asemblea de hoxe péchase o ciclo 2011-2015 e ábrese a lexislatura 2015-2019 da rede solidaria do municipalismo galego, na que se seguirá incorporando a defensa dos Dereitos Humanos á axenda local.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información