No Día Mundial da Radio, a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade queren facer un recoñecemento ao gran potencial da radio como ferramenta de desenvolvemento, sobre todo nos países empobrecidos onde os niveis de analfabetismo e as dificultades nas comunicacións impiden un acceso efectivo da poboación aos medios de difusión. Exemplo da utilidade da radio é o proxecto de comunicación para o desenvolvemento que Agareso iniciou este ano en El Salvador e que aposta por aproveitar a capacidade dos medios comunitarios e da educación para o desenvolvemento para diminuír o impacto dos desastres naturais.
Neste proxecto, que comezou en xaneiro grazas ao financiamento do Fondo Galego e dos municipios e deputacións que fan a súa achega a esta entidade, intervirase durante nove meses na zona do Bajo Lempa, impartindo obradoiros de sensibilización ambiental en once centros escolares e en tres colectivos comunitarios de protección civil. As tarefas de educación para o desenvolvemento serán executadas pola ONGD salvadoreña Cordes. Nos obradoiros de concienciación e capacitación tamén se entregarán os materiais necesarios para que desde as propias escolas poidan executar tarefas de prevención de riscos, como por exemplo, evitar as inundacións que todos os anos afectan as súas infraestruturas.
Todo este labor será complementado e amplificado por Radio Tehuacán, emisora comunitaria do municipio de Tecoluca, que a través das ondas ampliará a capacidade de sensibilización e formación cun programa especial semanal titulado 'En contacto coa natureza'. Este espazo tratará todas as semanas diferentes temas ambientais e resumirá as capacitacións realizadas por Cordes para que non só teña acceso a elas o alumnado, senón tamén as súas familias.
Segundo Yasmin Pineda, directora de Radio Tehuacán e unha das persoas responsables do programa de sensibilización e capacitación medioambiental, este proxecto busca "evitar os desastres naturais que cada ano afectan a costa salvadoreña e facer conciencia na poboación da importancia de coidar o medio ambiente", pero ao mesmo tempo o proxecto transcende os obxectivos para os que foi deseñado xa que "nos axuda a desenvolvernos como persoas, a interactuar coas comunidades e finalmente a ser escoitados", engade.
Sensibilización en Galicia
O proxecto rematará coas actividades de sensibilización en Galicia nas que o alumnado de dez centros galegos poderá coñecer un pouco mellor, a través dun documental elaborado polo voluntariado de Agareso, as formas de organización comunitaria en El Salvador e como contribúe a mocidade do Bajo Lempa a resolver os problemas ambientais que lle afectan. Nestas actividades de concienciación procurarase non só que as mozas e mozos coñezan outras realidades, senón que reflexionen sobre que problemas prexudican as zonas nas que elas e eles viven e de que xeito poderían contribuír a solucionalos.
A importancia das emisoras comunitarias
Agareso centra boa parte dos seus esforzos en poñer en valor a importancia que ten a comunicación para o desenvolvemento e a necesidade de que todos os pobos e colectivos teñan a posibilidade de expresar con voz propia as súas inquedanzas. Ao escribilo, ao teorizalo, cando lle damos moitas voltas para tentar xustificalo, pérdese un pouco a esencia do que estamos a falar. Todo é moito máis sinxelo. As mulleres e os homes somos seres humanos comunicativos, e todas e todos necesitamos escoitar e ser escoitados.
E para este cometido unha das mellores ferramentas, sobre todo nos países en vías de desenvolvemento nos que os niveis de analfabetismo aínda son elevados e existen moitos problemas nas comunicacións e infraestruturas, é a radio. Ao vivir nunha sociedade na que se nos bombardea con información, ás veces non nos decatamos de que, en moitas outras partes do mundo, o acceso á información é escaso e a posibilidade de participar nos medios, masivos ou non, limitada.
Por iso desde Agareso e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade se apoia o traballo de Radio Tehuacán, unha emisora comunitaria do pequeno municipio de Tecoluca, en El Salvador, integrada por 18 mozas e mozos que loitan por converterse en altofalantes da súa comunidade e devolverlles á súa veciñanza un dereito fundamental: o de poder comunicarse entre si e co resto do mundo, decidindo por si mesmas e mesmos cales son os temas importantes e abrindo os micrófonos á participación cidadá.