Webinario sobre experiencias comunitarias de reforestación en Galicia e Nicaragua

Webinario sobre experiencias comunitarias de reforestación en Galicia e Nicaragua

Webinario sobre experiencias comunitarias de reforestación en Galicia e Nicaragua 1920 1280 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Representantes de comunidades e cooperativas nicaraguanas e da Plataforma pola Defensa do Monte de Rianxo participarán o mércores 2 de outubro no webinario ‘Experiencias comunitarias de restauración de ecosistemas’, que se desenvolverá a partir das 18 horas na ligazón bit.ly/gznica. O encontro virtual encádrase no proxecto financiado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade á ONGD Amigas da Terra no país centroamericano, que tiña por obxectivo mellorar a produtividade e a xestión ambiental de áreas naturais vinculadas á actividade acuícola e porcina.

Con este webinario, búscanse divulgar boas prácticas de restauración ecolóxica baseadas na reforestación de bosques tallados ou queimados, eliminación de especies invasoras, recuperación de especies autóctonas, protección da biodiversidade ou renaturalización da paisaxe. Deste xeito, tras a benvida do presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, tomará a palabra Lucía Saborido, en nome da Comunidade de Montes en Man Común do Araño e da Plataforma pola Defensa do Monte (Rianxo). Desde Nicaragua, intervirán a continuación José Adrián Lozano, socio da cooperativa artesanal de camarón Marcos Osaba, e Juana Francisca Andrade, portavoz da comunidade de El Nacital nº2. A sesión estará moderada por Laura Casal, responsable de Cooperación en Amigas da Terra.

Webinario sobre experiencias comunitarias de reforestación en Galicia e Nicaragua

Os dous representantes nicaraguanos atópanse precisamente entre as 114 persoas beneficiarias do proxecto desenvolvido por Amigas da Terra entre xuño de 2023 e marzo de 2024 e que foi financiado polo Fondo Galego con 25.000 euros. Nove comunidades dos municipios do Somotillo, San Francisco, Cinco Pinos, San Pedro del Norte e Santo Tomás del Norte implicáronse nas actividades, implementadas coa Asociación ADENOCH como socio local. Entre elas, diversas xornadas de reforestación nas que se sementaron 4.000 unidades de mangle na Reserva Natural Delta del Estero Real e 2.500 plantas forestais e froiteiras en zonas de recarga hídrica, é dicir, naquelas áreas onde os acuíferos se enchen coas chuvias. Todo isto complementado con charlas de educación ambiental nas que participaron medio cento de estudantes e coa distribución dunha guía sobre conservación da contorna.

Unha segunda vertente deste proxecto de cooperación internacional tiña a finalidade de mellorar a capacidade produtiva de granxas acuícolas e porcinas instaladas na zona. Deste xeito, construíronse pequenas infraestruturas, como cuadras para os porcos. Ademais, capacitouse ás produtoras e produtores na preparación dos alimentos para o camarón e para os cochos, alén de proporcionarlles equipamentos. Así mesmo, recibiron material veterinario e formación sobre sanidade ambiental. Por último, o proxecto incorporou a elaboración dun plan para fomentar a economía circular mediante a reciclaxe do plástico.

O webinario que se celebrará este mércores xorde como un espazo de intercambio complementario para amosar como desde a comunidade se poden combater a degradación da natureza, a sobreexplotación dos recursos, a perda de biodiversidade ou o cambio climático. Esta acción completarase cunha xornada de reforestación organizada canda a Mancomunidade Veciñal de Montes en Man Común de Froxán (Lousame), que aposta pola diversificación de especies e por implicar ao voluntariado tanto na eliminación dos rebrotes de invasoras como na plantación de árbores autóctonas. A actividade terá lugar o 9 de novembro de 10 a 14 horas e as persoas interesadas teñen ata o 31 de outubro para inscribirse no formulario.

Formulario de inscrición na xornada de reforestación

Intervención de Lucía Saborido
Intervención de José Adrián Lozano
Intervención de Juana Francisca Andrade

Guía ‘Conservemos las zonas de recarga hídrica’

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información