O Concello de Boiro recoñece o labor do Fondo Galego co Distintivo Benestar Social

O Concello de Boiro recoñece o labor do Fondo Galego co Distintivo Benestar Social

O Concello de Boiro recoñece o labor do Fondo Galego co Distintivo Benestar Social 2560 1729 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Concello de Boiro recoñeceu o labor do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade cun dos Distintivos Benestar Social 2024, concretamente na categoría de Méritos Extraordinarios. Nesta terceira edición dos galardóns, impulsados pola Concellería de Política Social que encabeza Raúl Romero, tamén resultaron premiadas a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) e a Asociación Amicos de apoio ás persoas con discapacidade. Así mesmo, foron homenaxeados o deportista Carlos Mora, a avogada Elizabeth Caballero e o voluntario de Cruz Vermella Manuel García Santos.

O tesoureiro do Fondo Galego e alcalde do Concello das Neves, José Manuel Alfonso, foi o encargado de recoller o diploma acreditativo de mans do técnico municipal Jaime Bello, que o ano pasado participara no programa Especialistas en Cooperar en Mozambique. José Manuel Alfonso agradeceu o recoñecemento e salientou a importancia de que os concellos e deputacións formen parte desta asociación municipalista que traballa a prol da erradicación da pobreza e desigualdades a nivel mundial. Así mesmo, fixo mención a algunhas das iniciativas impulsadas en diferentes países cos que o Fondo Galego vén cooperando, como o abastecemento de auga e soporte a centros de saúde materno-infantil en Guinea-Bissau ou o apoio á infancia máis vulnerable en Mozambique.

O evento Distintivo Benestar Social do Concello de Boiro naceu no ano 2022 coa finalidade de recoñecer e promover o labor social e de voluntariado no municipio, galardoando a persoas, entidades ou empresas que destaquen polas accións realizadas en beneficio da cidadanía, para dar visibilidade ao seu incesante traballo. O acto de entrega celebrado o 6 de setembro no pazo de Goiáns estivo conducido polo grupo de voluntariado Turbina e contou coa presenza de autoridades locais, provinciais e autonómicas.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información