O Fondo Galego vén de lanzar a campaña #RiadasDeSolidariedade para aglutinar as achegas das administracións locais galegas que desexen apoiar á poboación saharauí afectada polas chuvias torrenciais acaecidas entre o 21 e o 23 de setembro, que derrubaron diversas infraestruturas e provocaron a evacuación dunhas 3.000 persoas. A entidade responde así ao chamamento da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e da Delegación Saharauí en Galicia, en colaboración coa Media Lúa Vermella Saharauí e o Ministerio de Cooperación da RASD, para facer chegar axuda de emerxencia aos campamentos situados na provincia alxeriana de Tinduf.
A situación actual é crítica, pois moitas familias perderon os seus fogares e os recursos básicos escasean aínda máis do que vén sendo habitual entre a poboación refuxiada. Ademais, centros educativos e instalacións sanitarias quedaron gravemente danadas. Aínda que a wilaya máis afectada foi a de Dajla, o desastre esténdese a todos os campamentos.
É por iso que a Comisión Executiva do Fondo Galego aprobou, de xeito extraordinario, a apertura desta campaña de acción humanitaria, co fin de contribuír a mitigar os estragos causados polas cheas. Entre as necesidades máis inmediatas, atópanse a rehabilitación de infraestruturas (vivendas e servizos básicos), a distribución de alimentos esenciais e produtos de primeira necesidade, e mais o saneamento dos espazos e a dotación de medicamentos.
Os concellos e deputacións que teñan vontade de cooperar co Sáhara deberán enviar un correo electrónico a acorzo@fondogalego.gal, indicando a contía que poden aportar. A campaña #RiadasDeSolidariedade permanecerá aberta ata o 30 de novembro e, unha vez se teña constancia do montante total dispoñible, ofrecerase información sobre o proxecto concreto ao que se destinará. Todas as achegas, independentemente do importe, son valiosas.