Un bombeiro de Santiago e técnicos deportivos de Trazo e Lousame cooperan en Mozambique

Un bombeiro de Santiago e técnicos deportivos de Trazo e Lousame cooperan en Mozambique

Un bombeiro de Santiago e técnicos deportivos de Trazo e Lousame cooperan en Mozambique 2560 1659 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Tres traballadores dos concellos de Santiago de Compostela, Lousame e Trazo desprazaranse nas próximas semanas a Mozambique para colaborar durante case un mes cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a través do programa Especialistas en Cooperar. O persoal municipal participou esta mañá na Oficina Técnica de Pontevedra na última xornada do seu proceso formativo, á que tamén asistiu o presidente da entidade e alcalde de Nigrán, Juan González.

Félix Juncal, xefe de equipo no Servizo de Bombeiros do Concello de Santiago de Compostela, será o primeiro en desprazarse a terreo, do 16 de agosto ao 12 de setembro. Residirá na Casa do Gaiato, onde se encargará de sensibilizar tanto aos nenos deste centro de acollida como ao alumnado das súas escolas e outras persoas das aldeas lindeiras na prevención, protección e resposta ante emerxencias. “Cando a xente solicita formación e hai ganas de aprender, é marabilloso”, asegura por experiencias anteriores. “Agardo contribuír a facer pequenos cambios que lles axuden a afrontar os riscos”, engade.

“Deixar algunha mellora no ámbito deportivo e á vez aprender sobre a cultura e a educación no eido local” é tamén o que espera Ricardo Barros, técnico de deportes do Concello de Trazo, que apoiará nesta materia ao Municipio de Nhamayábue. Entre as súas motivacións para participar no programa Especialistas en Cooperar, cita “coñecer un país completamente diferente ao noso, aspectos como a cultura, o territorio e mais os materiais e a maneira de traballar no ámbito educativo, e concretamente, no relativo aos deportes”.

Pola súa banda, o técnico en Animación Deportiva de Lousame Néstor Romero participará por cuarto ano na cooperación técnica con Nhamayábue, onde xunto con Ricardo Barros vai “darlle continuidade ao proxecto deportivo municipal, para poboación de todas as idades”. De feito, “xa se conseguiu crear ese hábito deportivo, tan importante para o benestar físico e mental, e diversificar as modalidades que practican”. Ofrecendo esta alternativa de ocio saudable, búscase ademais combater problemáticas coma os embarazos adolescentes ou o alcolismo e a drogadicción. “Cada ano que vou aprendo, estou encantado coa xente de Nhamayábue e para min é unha gran experiencia”, conclúe.

O programa Especialistas en Cooperar ofertou ademais este ano dúas prazas en Cabo Verde, concretamente no Municipio de São Miguel, co fin de promover o desenvolvemento agropecuario e mais o turismo sustentable. Neste caso, as persoas seleccionadas son, respectivamente, Javier Cárcamo, técnico do Concello de Ourense, e Constanza Fernández-Couto, traballadora do Concello de Miño, que próximamente cursarán a súa formación previa.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información