O programa Especialistas en Cooperar enviará persoal municipal a Mozambique e Cabo Verde

O programa Especialistas en Cooperar enviará persoal municipal a Mozambique e Cabo Verde

O programa Especialistas en Cooperar enviará persoal municipal a Mozambique e Cabo Verde 2390 2390 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de lanzar unha nova edición do programa Especialistas en Cooperar, que permitirá a cinco técnicas e técnicos da administración local colaborar cos municipios e organizacións que a entidade vén apoiando en Mozambique e Cabo Verde. As estadías prolongaranse durante un mes como máximo entre setembro deste ano e maio de 2027, dependendo de cada un dos perfís requiridos, que corresponden ás áreas de agronomía, turismo, deportes e emerxencias.

A cooperación técnica é unha das ferramentas máis potentes e distintivas da cooperación internacional ao desenvolvemento impulsada polos gobernos locais, pois supón aproveitar o know how dos municipios para reforzar as capacidades das administracións públicas e asociacións das sociedades máis desfavorecidas, facilitando respostas profesionais e formación adecuada ás súas necesidades. Ese é precisamente o principal obxectivo de Especialistas en Cooperar, que tamén favorece o intercambio de experiencias e un maior coñecemento da realidade dos países cos que o Fondo Galego está a colaborar.

En Cabo Verde ofértanse dúas prazas no Municipio de São Miguel, na Illa de Santiago: unha para apoiar o desenvolvemento agropecuario e outra para promover o turismo sustentable. No primeiro caso, búscase unha agrónoma ou agrónomo que traballe coas familias agricultoras, oriente sobre os cultivos e asesore na xestión do gando. No segundo, unha técnica ou técnico de turismo colaborará na elaboración do plan turístico municipal, na creación de itinerarios e na mellora da sinalización e acceso aos puntos de interese.

En Mozambique, o Municipio de Nhamayábue solicita un ano máis a colaboración de dous especialistas en deportes para formar a profesorado de educación física, organizar torneos e impulsar os equipos femininos, fomentando alternativas de ocio saudables que inciden no apoderamento xuvenil, especialmente das mozas, para combater problemáticas coma os embarazos adolescentes. Pola súa banda, a Casa do Gaiato recibirá a unha bombeira ou bombeiro que sensibilice tanto aos nenos desta casa de acollida como ao alumnado das súas escolas e outras persoas das aldeas lindeiras na prevención, protección e resposta ante emerxencias, especialmente as ocasionadas por incidentes eléctricos, con fogóns de gas, animais perigosos, produtos químicos, incendios ou chuvias torrenciais.

Empregadas e empregados das deputacións e concellos de Galicia teñen ata o 14 de xuño para presentarse á convocatoria do programa Especialistas en Cooperar, que cubre todos os gastos derivados do desprazamento e a estadía. As e os profesionais seleccionados poderán participar en réxime de voluntariado, comisión de servizo ou ben solicitando unha licenza especial, que pode ser retribuída ou non, ao abeiro da lexislación autonómica.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade anima a todas as persoas interesadas a enviar a súa candidatura, mesmo se non se adecúa ao cento por cento ao perfil solicitado. Aínda que terá preferencia quen traballe para administracións locais -e, dentro destas, as que sexan socias do Fondo Galego-, no caso de que non se cubran as prazas aceptaranse tamén solicitudes de traballadoras e traballadores da Comunidade Autónoma de Galicia.

As persoas que o desexen poderán participar ademais en senllas sesión informativas os días 2 e 3 de xuño, a primeira sobre Mozambique e a segunda sobre Cabo Verde, ambas as dúas ás 12 horas en formato virtual. As bases e a ficha de inscrición están dispoñibles na web fondogalego.gal, e calquera dúbida ao respecto pode consultarse escribindo a info@fondogalego.gal ou no teléfono 698 144 536.

Especialistas en Cooperar conta co financiamento da Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), mediante a Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, e da Xunta de Galicia. A través da cooperación técnica impulsada polo Fondo Galego, desde 2005 un total de 55 empregadas e empregados da administración local teñen colaborado en Nicaragua, Cuba, Perú, Mozambique e Cabo Verde, contribuíndo á mellora da calidade de vida da poboación e xerando fluxos de coñecemento compartido.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información