Formar en valores e fomentar o pensamento crítico son dous dos principais obxectivos das actividades de educación para a cidadanía global impulsadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade nas deputacións e concellos socios, empregando metodoloxías como as exposicións, o cinema ou o teatro. Con este último formato, os espectáculos ‘4 Monos’ e ‘Foot’ están a percorrer unha vintena de municipios para sensibilizar sobre a importancia de cooperar ou sobre a a causa Palestina.
Marta Ortiz e Brais das Hortas, integrantes da Tropa de Trapo, son os artífices de ‘4 Monos’, proposta que mestura narración oral, música ao vivo e teatro de obxectos para facer reflexionar ás e aos espectadores sobre como nos relacionamos entre nós e co medio. A obra, dirixida a público infantil e familiar, dálle a volta aos emoticonos dos monos que non escoitan, non ven e non falan para que fagan todo o contrario en catro historias, que nos levan a convivir coas mulleres dunha aldea, con habitantes do Sáhara e da Amazonía, etc.
Unha representación para pensar, para rir, para cantar e para soñar con outro mundo posible que comezou a xirar a semana pasada en Sandiás e que mañá chegará a Vilar de Santos. A innovadora e atraente posta en escena, onde forma e contido se complementan para reforzar unha mensaxe de respecto e igualdade, pasará nas próximas semanas pola Laracha, Brión, Narón, Pantón, Pazos de Borbén, Rianxo, San Cibrao e a Deputación da Coruña.
Xunqueira de Espadanedo, Cabanas e O Rosal acolleron xa este verán a representación de ‘Foot’, unha peza unipersoal de Pallasos en Rebeldía inspirada por eventos reais. Trátase dun monólogo poético, cómico e surrealista na voz dun futbolista palestino, interpretado por Fran Rei, que nos conta o imposible camiño do seu equipo para clasificar á Copa Mundial; un camiño de controis militares, exilio, corrupción e morte. Escrita polo dramaturgo palestino-americano Ismail Khalidi e dirixida por Iván Prado, a obra encádrase na concepción da arte como linguaxe universal, fomentando valores sociais e políticos a través do teatro.
Búscase, deste xeito, sensibilizar sobre a causa palestina, denunciando a ocupación israelí e as violacións de dereitos humanos, alén de dar a coñecer como o conflito dificulta o día a día da poboación, truncando as súas vidas e os seus soños. Así se fará tamén entre setembro e outubro na Guarda, Bergondo, Bueu, Carral, Monforte e Viana do Bolo, en sesións dirixidas tanto a público xeral como a alumnado de Secundaria.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ofrece ademais outras actividades de balde para dar a coñecer distintas realidades, desterrar estereotipos, xerar empatía e contribuír a unha transformación social positiva. Entre elas, os cinefórums ‘Olladas do Sur: cinema en curto desde a África lusófona’, onde se proxectan curtas de Cabo Verde, Guinea-Bissau ou Mozambique para abordar os proxectos apoiados nestes países. Tamén as exposicións ‘Saúde universal. Proxectos que dan vida’ e ‘Fontes de solidariedade. Auga que flúe de Galicia a África’, centradas nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible nº 3 e nº 6.
En total, máis de medio cento de concellos acollerán as accións de educación para o desenvolvemento impulsadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ao longo deste ano, co fin de favorecer unha cidadanía consciente e activa, que comprenda as causas das desigualdades globais e se implique na construción dun mundo máis xusto. A axenda de actividades actualizada pode consultarse na web www.fondogalego.gal.