O primeiro proxecto do Fondo Galego en Guinea-Bissau conclúe con avances no combate contra a Covid-19

O primeiro proxecto do Fondo Galego en Guinea-Bissau conclúe con avances no combate contra a Covid-19

O primeiro proxecto do Fondo Galego en Guinea-Bissau conclúe con avances no combate contra a Covid-19 1008 756 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de pechar en Guinea-Bissau o proxecto que permitiu reforzar a capacidade de resposta do Goberno Rexional de Cacheu fronte a Covid-19. A asociación de concellos e deputacións destinou 10.000 euros a esta iniciativa, orzamentada nun total de 12.308 euros, que durante os seus seis meses de vixencia permitiu reducir levemente a incidencia do coronavirus na zona, en boa medida grazas ao compromiso de máis de 70 persoas voluntarias.

A intervención coordinouse desde o Centro Operativo de Emerxencia en Saúde, que distribuíu os materiais de hixiene e protección á poboación desfavorecida través dos 22 centros sanitarios dos sete sectores administrativos da rexión: Bigene, Bula, Cacheu, Caio, Calequisse, Canchungo e São Domingos. Deste xeito, proporcionáronse 2.500 máscaras, 630 barras de xabón, 612 bidóns de lexía, 72 baldes con billa e 80 botellas de xel hidroalcólico.

A seguridade alimentaria era outra das principais preocupacións, dada a situación de crise e vulnerabilidade xerada pola pandemia, polo que se adquiriron 12.000 quilos de arroz para garantir o sustento de 1.240 familias. Tratouse principalmente de persoas con discapacidade, maiores, mulleres embarazadas, e nais de nenas e nenos con desnutrición, identificadas tamén a través das estruturas sanitarias ou nas propias aldeas grazas ao voluntariado.

Tras recibiren a necesaria formación previa, as voluntarias e voluntarios resultaron fundamentais para concienciar sobre as medidas de prevención fronte ao SARS‑CoV‑2, de xeito que impartiron sesións de sensibilización en 154 comunidades. Ademais, realizaron máis de medio milleiro de accións de rúa megáfono en man, mensaxes que se sumaron ás emitidas polas radios comunitarias nas diferentes linguas locais. Xornalistas, axentes de saúde comunitaria, activistas da Cruz Vermella ou membros dos consellos consultivos locais integraron estes equipos de voluntariado, coordinados polos responsables da actuación.

Tratábase do primeiro proxecto de cooperación directa impulsado polo Fondo Galego en Guinea-Bissau, concretamente na segunda rexión máis afectada pola Covid-19. Os elevados índices de analfabetismo e pobreza multiplican as probabilidades de propagación do virus en lugares como Cacheu, onde ademais as restricións decretadas para contelo dificultan a subsistencia dunha poboación xa carente de recursos. Estímase que máis de 40.000 persoas resultaron finalmente beneficiadas polas diferentes actividades desta intervención, que conseguiu superar mesmo os obstáculos ocasionadas polas fortes chuvias na zona. Deste xeito, contribuíuse ao logro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente do ODS 3: Saúde e benestar, ODS 2: Fame cero e ODS 10: Redución das desigualdades.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información