Cinco concellos promoverán o comercio xusto a través de feiras, encontros e teatro

Cinco concellos promoverán o comercio xusto a través de feiras, encontros e teatro

Cinco concellos promoverán o comercio xusto a través de feiras, encontros e teatro 1600 1200 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A ONGD Solidariedade Internacional de Galicia apoiará a cinco concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade na promoción do comercio xusto, a compra pública ética e, en xeral, o consumo responsable. Burela, Fene, Moaña, Pontecesures e Viveiro son os municipios seleccionados para participar nesta iniciativa, que conta con financiamento autonómico e que se dá a coñecer na véspera do Día Mundial do Comercio Xusto, que se celebra o primeiro sábado de maio.

O proxecto incorpora actividades para todos os públicos como a representación da peza teatral ‘Vaia Tea’, que convida a reflexionar sobre o consumo de roupa a través do humor, ou a feira ‘Comercio con Sentido’, sobre a produción e comercialización do café, o cacao e o azucre. Ademais, contémplanse accións dirixidas especificamente ao persoal político e técnico dos concellos, entre elas encontros informativos con entidades dos países do Sur e mais un acompañamento permanente para contribuír ao cumprimento do ODS 12.

Trátase dun dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados por Nacións Unidas, co que se busca “garantir modalidades de consumo e produción sustentables”, e que chama en concreto a “promover prácticas de adquisición pública que sexan sostibles”. Ademais, este ano o Día Mundial do Comercio Xusto celébrase baixo o lema “reconstruamos con xustiza”, reivindicando que a recuperación da crise económica derivada da pandemia camiñe cara un cambio de modelo no que se prioricen os Dereitos Humanos e a protección do planeta.

O comercio xusto é un movemento social e unha alternativa comercial que permite loitar contra a pobreza e a exclusión. A transparencia, o prezo xusto ou a igualdade salarial cítanse entre os seus principios básicos, entre os que tamén se atopan a non discriminación e o rexeitamento do traballo infantil. A defensa de condicións de traballo dignas e do respecto polo medio ambiente figuran tamén entre as súas liñas transversais.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información