O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade participa onte e hoxe nos actos conmemorativos do 50º aniversario da proclamación da República Árabe Saharauí Democrática (RASD). O presidente da entidade e alcalde de Nigrán, Juan González, atópase nos campamentos de Tinduf para amosar o apoio á causa, denunciando a ocupación marroquí e defendendo o dereito á autodeterminación do Sáhara Occidental.

Juan González saudou ao presidente da RASD.
As celebracións deron comezo no día de onte cos discursos oficiais na Wilaya de Auserd, onde González saudou ao presidente da RASD, Brahim Gali, e ao ministro de Asuntos Exteriores, Mohamed Yislem Beisat. A continuación, celebrouse o desfile militar e civil, que amosou as capacidades castrenses e o intenso activismo social da poboación refuxiada. O programa da xornada completouse cun festival cultural, unha exposición conmemorativa e a intervención das diversas delegacións estranxeiras presentes.
O apoio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ao pobo saharauí non só se manifesta coa participación nestes eventos, senón tamén financiando dous proxectos vinculados á igualdade de xénero: un para rehabilitar a sala dedicada á memoria histórica da muller saharauí no Museo da Resistencia e outro para celebrar o X Congreso da Unión Nacional de Mulleres Saharauís, que contribuirá ao empoderamento feminino. Juan González ten previsto reunirse coa secretaria xeral da UNMS, Chaba Seini Brahim, para concretar os detalles do encontro, que se desenvolverá do 20 ao 22 de abril na Wilaya de Smara.

A gobernadora de Bojador agradeceu o apoio recibido.
A axenda institucional de hoxe, no entanto, arrincou cunha xuntanza coa gobernadora de Bojador, Dih Chadad, que agradeceu as iniciativas previas financiadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade nesta wilaya (unha das cinco provincias nas que se organizan os campamentos). Entre elas, o proxecto Nadafa, que en 2022 e 2023 permitiu mellorar o servizo de recollida de lixo e a concienciación ambiental da veciñanza. Chadad propuxo asemade establecer un irmandamento co Concello de Nigrán e con outros municipios socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para reforzar os lazos de colaboración. Do mesmo xeito, informou dos estragos causados polas inclemencias meteorolóxicas, que precisarán de apoio internacional para os labores de rehabilitación.
O Fondo Galego vén colaborando coa Delegación da RASD en Galicia e coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) tanto para as actuacións sobre o terreo como para as actividades de sensibilización, como o ciclo de charlas ‘Arredor do té’. Esta proposta levará a unha decena de concellos galegos a voz de activistas saharauís para dar a coñecer a problemática no seu territorio e os programas de apoio existentes. Combater a desinformación, denunciar as violacións de dereitos humanos e poñer en valor a interculturalidade son algúns dos obxectivos dos coloquios.
Con anterioridade, o Fondo Galego xa emitira unha declaración institucional fronte a proposta de converter o Sáhara Occidental nunha rexión autónoma de Marrocos, lembrando a responsabilidade do Estado Español na situación do pobo saharauí. A día de hoxe, máis de 170.000 persoas subsisten como refuxiadas nos campamentos de Tinduf (Alxeria), onde a asociación municipalista veu desenvolvendo distintas accións de axuda humanitaria mentres reclama á comunidade internacional unha solución xusta e duradeira para o conflito.