O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade amosa o seu fondo desacordo co recente cambio de postura sobre o Sáhara Occidental do Goberno Español. Despois de avalar durante décadas o referendo de autodeterminación auspiciado pola ONU, o Ministerio de Asuntos Exteriores defende agora que a República Árabe Saharauí Democrática (RASD), recoñecida por máis de 80 países, se converta nunha rexión autónoma dentro de Marrocos, pregándose así ás demandas do reino alauita.
O Estado Español ten unha responsabilidade ineludible co pobo saharauí tras un pésimo proceso de descolonización que a partir de 1975 facilitou a ocupación do territorio por parte de Marrocos e obrigou á poboación local a fuxir cara Alxeria, onde hoxe máis de 170.000 persoas subsisten como refuxiadas grazas á axuda humanitaria nos campamentos de Tindouf, no canto de vivir dos recursos naturais que tiñan nas súas terras. Mentres tanto, o 80% da que fora a provincia número 53 de España segue invadido por Marrocos, separado por un muro de máis de 2.700 das zonas liberadas pola Fronte Polisario, muro no que desde novembro de 2020 continúa o enfrontamento armado. Nos territorios ocupados, a violación dos dereitos humanos é continua, tal e como denuncian organizacións especializadas pese ao “apagón informativo” que impide acceder e reportar con liberdade deste estes lugares.
Ante esta situación, o Fondo Galego denuncia que os intereses económicos e xeopolíticos non poden estar por enriba do compromiso adquirido co pobo saharauí, ao que o Estado Español non pode abandonar, unha vez máis, á súa sorte. Especialmente, tendo en conta o movemento solidario e a vontade expresada pola sociedade civil en Galicia e noutras comunidades autónomas, que empatizan cunha poboación que ten o castelán como segundo idioma, entre outros moitos nexos de unión.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade segue apostando por unha saída dialogada ao conflito, que supón a posta en práctica do Plan de Arranxo subscrito en 1991 con mediación de Nacións Unidas e da Organización para a Unidade Africana. Isto implica celebrar o referendo de autodeterminación acordado por ambas as dúas partes. Ao mesmo tempo, reclamamos o cesamento inmediato da violencia e que as institucións internacionais adopten medidas fronte a impunidade coa que Marrocos continúa actuando no Sáhara Occidental. Agardamos que tanto a comunidade internacional como o Goberno Español estean á altura das circunstancias.
Os concellos que desexen instar ao Goberno a reconsiderar a súa postura poden empregar este modelo de acordo plenario.
Concentración convocada por Sogaps en defensa da autodeterminación do pobo saharauí.