A UCCLA e o Fondo Galego de Cooperación reforzan a colaboración institucional

A UCCLA e o Fondo Galego de Cooperación reforzan a colaboración institucional

A UCCLA e o Fondo Galego de Cooperación reforzan a colaboración institucional 2048 1365 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade veñen de asinar un Protocolo de Cooperación destinado a reforzar as relacións institucionais entre ambas as dúas organizacións e a promover iniciativas conxuntas en beneficio dos concellos que as integran. O secretario xeral da UCCLA, Luís Campos Ferreira, e mais o presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, subscribiron formalmente o acordo o pasado venres en Lisboa.

O acto contou asemade coa presenza da secretaria xeral adxunta da UCCLA, embaixadora Paula Leal da Silva; a coordinadora da Área Social da entidade, Princesa Peixoto, e a xerente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Andrea García Corzo. O documento aprobado establece unha estrutura de colaboración estable e de intercambio entre as dúas redes de municipios. Neste senso, prevé a cooperación en cuestións coma o impulso da Axenda 2030 e o reforzo das capacidades técnicas e institucionais dos gobernos locais.

Do mesmo xeito, o protocolo aposta polo traballo conxunto a prol da dinamización cultural, a implementación de programas de cooperación descentralizada ou a promoción da equidade de xénero, a inclusión social, os dereitos humanos e a educación para a cidadanía global. A UCCLA e o Fondo Galego manifestaron tamén interese en colaborar na organización de coloquios, cursos, exposicións, publicacións, etc.

Cunha vixencia inicial de tres anos, o acordo consolida o compromiso compartido pola UCCLA e o Fondo Galego coa promoción da democracia local, a igualdade de oportunidades, a defensa dos dereitos humanos, a cooperación internacional e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Para establecer a programación anual e darlle seguimento, crearase un comité de avaliación que irá realizando propostas de mellora.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade sumouse o ano pasado á Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa, unha asociación intermunicipal sen ánimo de lucro, de carácter internacional, impulsada en 1985 polo entón alcalde de Lisboa, Nuno Krus Abecasis, xunto con outras sete capitais de todo o mundo. Na actualidade, a UCCLA está formada por 78 cidades espalladas por catro continentes, máis 28 empresas apoiantes.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información