A Asociación de Municipios de Cabo Verde pon en valor a cooperación co Fondo Galego

A Asociación de Municipios de Cabo Verde pon en valor a cooperación co Fondo Galego

A Asociación de Municipios de Cabo Verde pon en valor a cooperación co Fondo Galego 1920 1280 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A relevancia da colaboración entre administracións locais e os avances na redución das desigualdades de xénero foron algunhas das cuestións destacadas onte pola directora de gabinete da Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde (ANMCV), Samira Rocha, na súa visita ao Concello de Nigrán. O alcalde e presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Juan González, e a concelleira Estela Pérez recibiron á convidada na Casa Consistorial.

Xa pola tarde, Samira Rocha desprazouse aos cines municipais da Ramallosa para participar na actividade ‘Olladas do Sur. Cinema en curto desde a África Lusófona’ xunto con Carla Pérez, que prestou asistencia técnica en Cabo Verde a través do programa Especialistas en Cooperar cando traballaba no Concello de Nigrán. Tras a proxección da curtametraxe ‘Labuta’, que amosa o duro traballo das mulleres que apañan area nas praias, Samira Rocha puxo de relevo “o papel central das donas na estrutura familiar e comunitaria caboverdiana”.

Neste senso, “a exclusión económica empurrou ás mulleres a traballos informais e de risco” e a día de hoxe “persisten desigualdades no acceso ao emprego, a protección social e a autonomía financeira”. No entanto, nun contexto histórico marcado pola escravitude e o colonialismo, a técnica da ANMCV apuntou que “a democratización do acceso á educación permitiu reducir significativamente as  desigualdades entre homes e mulleres”.

De feito, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está a apoiar a creación dunha rede de alcaldesas e concelleiras en Cabo Verde que incentive a participación das mulleres na política municipal, mitigue as súas dificultades para acceder e manterse no poder e impulse a incorporación do enfoque de xénero ás políticas públicas locais. Esta asociación constituirase formalmente no mes de marzo na capital, Praia, coa participación de Juan González e de electas galegas.

A visita tamén permitirá supervisar sobre o terreo os últimos proxectos financiados polo Fondo Galego e polo Concello de Nigrán, que están a facilitar desenvolvemento dunha agricultura sustentable nos municipios de Tarrafal e São Miguel. “Trátase dunha colaboración baseada na solidariedade internacional, na cooperación descentralizada e no respecto polas realidades locais”, apuntou Samira Rocha. Desde 2002, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade apoiou no arquipélago africano máis de trinta intervencións en materia de xénero, educación, auga e saneamento, vivenda ou infraestruturas comunitarias.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información