A saúde e a igualdade de xénero están directamente relacionadas. A pobreza menstrual impacta na vida de moitas nenas, adolescentes e mulleres que non teñen acceso a produtos básicos para coidar a súa hixiene durante a menstruación. Esta situación pode facer non só que as rapazas sufran infeccións, senón tamén que sintan vergoña, falta de autoestima e mesmo deixen de ir á escola, perpetuando así o ciclo da exclusión.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade impulsou en 2022 e 2025 sendos proxectos liderados pola Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM) para distribuír kits que inclúen dúas bragas menstruais, xel íntimo e xabón para lavar. O programa xa chegou a un milleiro de rapazas vulnerables, aínda que se traballa con toda a comunidade para romper os tabús e promover redes de apoio que freen a discriminación e favorezan o empoderamento das mozas.

“A xestión menstrual é unha cuestión crucial para a saúde e a prosperidade social das rapazas”, explica Elsa Dimande, técnica de xénero e asuntos transversais da ANAMM. “En Mozambique, diversas barreiras dificultan o acceso a material axeitado para que as rapazas poidan facer unha xestión correcta da regra, o que tivo un impacto negativo na súa vida diaria, en particular na daquelas máis vulnerables que están en idade escolar”, engade.
Un total de 25 municipios mozambicanos implicáronse no programa, no que se investiron 17.000 euros e cuxa primeira fase foi supervisada por unha delegación político-técnica que se desprazou ao país africano para avaliar os proxectos sobre o terreo. Para a edición deste ano, realizouse unha enquisa previa nos centros educativos, onde as alumnas demandaban máis información sobre a xestión menstrual e manifestaban o impacto emocional de non ter acceso a produtos de hixiene adecuados, o que mesmo as converte en vítimas de acoso escolar.
“Hai compañeiras e compañeiros que se rin de min, iso ponme triste e véxome obrigada a volver á casa para non pasar vergoña”, afirmaba María. “Se recibise un deses kits, sentiríame máis segura e podería ir á escola sen medo”, aseguraba Lucía. A entrega das bragas menstruais reutilizables, que substitúen os trapos ou mesmo as follas de bananeira que adoitan empregarse, complétase con sesións de reflexión que poñen o foco na prevención do VIH, o matrimonio prematuro, a violencia de xénero, o abuso sexual ou os embarazos precoces, que afectan a 166 de cada 1.000 rapazas de entre 15 e 19 anos. “Quero seguir aprendendo para axudar ás miñas amigas e cambiar o que aínda é difícil para nós, as mulleres”, comentaba Joana.

A nova fase do proxecto lanzouse o 5 de setembro nun encontro virtual con concelleiras da Rede de Mulleres Autarcas de Mozambique, no que interviñeron persoal da ANAMM, unha representante da Cidade de Maputo e unha técnica do Concello de Betanzos, facilitando así o intercambio de experiencias e a posta en común de boas prácticas. Durante a sesión, púxose de manifesto que, aínda que a OMS reclama que a saúde menstrual se aborde como unha cuestión de dereitos humanos, estímase que, en todo o mundo, 1 de cada 4 rapazas non poden menstruar con dignidade e seguridade. Deste xeito, non só se ve vulnerado o dereito á saúde, senón tamén á educación, á igualdade de xénero ou á participación social.
A iniciativa tamén se aliña coa Axenda 2030 que, na meta 3.7 do ODS 3, chama a “garantir o acceso universal aos servizos de saúde sexual e reprodutiva”. Do mesmo xeito, no ODS 5, a meta 5.6 aposta por “asegurar o acceso universal á saúde sexual e reprodutiva e aos dereitos reprodutivos”, mentres que a meta 6.2 avoga por “acadar o acceso a servizos de saneamento e hixiene axeitados e equitativos para todas as persoas (…) prestando especial atención ás necesidades das mulleres e das nenas e das persoas en situacións de vulnerabilidade”. A isto podemos engadir o enfoque de sustentabilidade ambiental, xa que, ao seren lavables e reutilizables, as bragas distribuídas non xeran impacto no medio.
Os efectos da pobreza menstrual son multidimensionais e tradúcense na perda de oportunidades para o desenvolvemento pleno das mulleres e das nenas. Apoiar os esforzos dos municipios mozambicanos para reverter esta situación, a través da cooperación internacional descentralizada, non é só un acto de solidariedade, senón tamén unha cuestión de xustiza global. Así o entenden os 118 concellos e as catro deputacións que forman o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, como unha responsabilidade compartida.
*Artigo publicado en DGPOLDES