Dúas traballadoras dos concellos de Brión e Nigrán atópanse no municipio caboverdiano de Tarrafal para apoiar o desenvolvemento económico local a través do programa Especialistas en Cooperar, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. As técnicas municipais xa se desprazaran o ano pasado ao país lusófono para elaborar unha primeira diagnose, na que identificaron a necesidade das capacitacións que están a impartir nas últimas dúas semanas.
Lola Landeira, axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Brión, e Carla Pérez, xefa de brigada de prevención de incendios no Concello de Nigrán, ofreceron formación a cinco comunidades agrícolas tanto para potenciar os seus cultivos como para fomentar o asociacionismo, a fin de gañar fortaleza e aproveitar sinerxías. “Xa se creou o primeiro grupo de lideresas agricultoras para compartir información e experiencias”, explican como xermolo dunha rede que estará apoiada polas novas tecnoloxías, a través do WhatsApp e dun blog.
As Especialistas en Cooperar están a asesorar tamén ao funcionariado municipal en todo o relacionado cos espazos verdes, incluíndo problemáticas comúns cos municipios galegos, como é a erradicación da acacia. Nos próximos días reuniranse asemade coas comunidades pesqueiras para abordar a posibilidade de crear unha asociación, adaptando o modelo das confrarías que representantes do Tarrafal puideron coñecer na súa recente visita a Galicia.
“Buscamos conexións para intercambiar coñecementos; o máis importante son as persoas e establecer redes con elas para asentar as bases dun futuro sostible”, comenta Carla Pérez. “É ilusionante ver que a situación vai mellorando e que moitas iniciativas poden saír adiante”, engade Lola Landeira. As súas asistencias técnicas contan co financiamento da Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, no marco dun programa a catro anos.
As técnicas galegas están a aproveitar ademais a estadía para supervisar o proxecto de desenvolvemento integrado da agricultura no municipio do Tarrafal, financiado con 10.000 euros polo Concello de Nigrán a través do Fondo Galego. A actuación baséase en reactivar as áreas de cultivo en Ribeira da Prata, a fin de reducir a inseguridade alimentaria e proporcionar alternativas económicas a 24 familias, a maioría encabezadas por mulleres. Dado que, nesta zona, a seca constitúe un dos principais desafíos, estase a instalar un sistema de microirrigación que aproveite a auga subterránea. Nos próximos meses, o Concello de Nigrán seguirá a impulsar a agricultura sustentable noutras dúas comunidades do Tarrafal a través dun novo proxecto que contará tamén co apoio da AECID.