O proxecto People & Planet chega ao seu fin despois de catro anos e medio, nos que se desenvolveron máis de 150 actividades en concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Todas elas co fin de concienciar as mozas e mozos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable é de implicar tamén aos gobernos municipais na promoción de políticas públicas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global.
Como produtos finais de todo este proceso, resultaron unha serie de publicacións que a partir de aquí poden ser de utilidade para os concellos, as organizacións e a xente nova que queiran sumarse á acción climática.
- Acción local, impacto global. Compendio de boas prácticas para promover a colaboración entre mocidade e administración local para impulsar a acción polo clima e a sustentabilidade. Esta publicación recolle ideas para involucrar á cidadanía na loita contra o cambio climático e na adopción de hábitos sostibles, ofrecendo exemplos concretos coma os Consellos Consultivos Xuvenís polo Clima ou os obradoiros de comunicación de guerrilla que se levaron a cabo en Galicia.
- A acción climática sae á rúa: ferramentas para organizar accións urbanas e laboratorios de sustentabilidade. Este manual presenta paso a paso diversas actividades para abordar a emerxencia climática e a sustentabilidade da auga no espazo público, dun xeito lúdico e participativo. Tal é o caso dos obradoiros de cociña sostible ou dos concursos de murais sobre os ODS promovidos polo Fondo Galego.
- Libro de receitas de People & Planet para a acción xuvenil polo clima. Trátase dunha recompilación de fórmulas para o cambio colectivo xuvenil cara á sustentabilidade que xurdiron dos debates xerados durante a quinta edición do Evento Europeo da Mocidade, celebrado en Estrasburgo en 2023.
- Documento de posición dos Consellos Consultivos Xuvenís polo Clima. Os grupos de xente nova creados nos oito estados membros da UE e en Cabo Verde para traballar conxuntamente cos gobernos locais atopáronse nun campamento en Lisboa para compartir as súas experiencias. O resultado foron vinte medidas para resolver problemas relacionados co ODS 13, arredor de catro temas: métodos de educación e participación inclusivos e innovadores, implicación da comunidade, comunicación e cultura para a acción, e participación da mocidade na política.
- Guías finais dos Consellos Consultivos Xuvenís polo Clima. Os grupos de traballo creados nos concellos da Guarda, As Neves, Oleiros e Teo elaboraron unha serie de documentos onde analizan as tres problemáticas medioambientais que máis lles preocupan e presentan propostas ao respecto.
Agardamos que estes documentos contribúan a impulsar a acción climática, a participación xuvenil e as políticas públicas a prol da sustentabilidade.