Catro mulleres xefas de familia recibiron onte na vila mozambicana de Boane as chaves doutras tantas vivendas resilientes ao cambio climático financiadas pola Xunta de Galicia e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en colaboración coa Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM). As autoridades locais oficializaron a entrega das casas, nas que un total de vinte persoas en situación de vulnerabilidade, entre elas varias vítimas de violencia de xénero, poderán vivir sen o risco que supoñen os furacáns que habitualmente asolan o país africano.
Rita Macuacua, Laurida Sitoe, Regina Celina e Rita Bacião, de entre 28 e 47 anos, encabezan familias con ata catro fillos que vivían en infravivendas situadas en zonas inundables, afectadas por diferentes ciclóns nos que o perderon todo. A propia comunidade identificou as persoas beneficiarias deste proxecto de cooperación internacional para o desenvolvemento, no que o Fondo Galego e a Xunta investiron 42.000 euros. Ademais, a veciñanza implicouse prestando servizos como limpeza do terreo, auga, etc.
Durante o acto, o presidente da ANAMM agradeceu a solidariedade das institucións galegas e salientou a colaboración dos nosos municipios a través do intercambio de experiencias e da cooperación en áreas como o deporte, igualdade ou finanzas. Pola súa banda, a alcaldesa de Boane, Geraldina Bonifácio, destacou a dotación de servizos básicos, como a auga e a electricidade, que complementan as vivendas inauguradas na vila.
A iniciativa levou aparellada a formación de persoal técnico dos municipios de Boane, Manhiça e Namaacha en construción de infraestruturas resilientes ao cambio climático. A capacitación foi impartida por ONU Hábitat segundo os criterios que tamén se empregaron para erguer as catro casas -elevación sobre o terreo, circulación dos ventos, etc.-, e completouse cun manual cos pasos a seguir. En paralelo, sensibilizouse á poboación local sobre o perigo de ocupar zonas pantanosas e creáronse comités cidadáns para a xestión de riscos, en coordinación co Instituto Nacional de Xestión e Redución de Desastres.
A recepción oficial das vivendas resilientes demorouse no tempo debido á inestabilidade social e política en Mozambique, se ben as familias xa levan varios meses residindo nelas. Así o puido comprobar a delegación Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que o pasado mes de outubro se desprazou ao país lusófono para supervisar os proxectos alí apoiados. O presidente da entidade e alcalde de Nigrán, Juan González; o tesoureiro e alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, e mais a vogal e ex concelleira de Benestar Social en Viveiro, Lara Fernández, tiveron a oportunidade de conversar coas mulleres beneficiarias e comprobar o impacto que a actuación tivo na mellora da súa calidade de vida.
Ao mesmo tempo, víronse reforzadas as capacidades dos municipios na xestión de crises provocadas polo cambio climático, en liña co ODS 11, que avoga por asentamentos humanos máis inclusivos, seguros, resilientes e sustentables. Cómpre apuntar que Mozambique está considerado un dos países máis vulnerables perante o cambio climático.