Esta mañá saíu para os campamentos saharauís un camión doado polo Concello de Nigrán que permitirá reforzar o servizo de recollida de lixo. O envío, financiado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e coordinado pola Delegación Saharauí en Galicia, aproveitarase para levar ata Tinduf un lote de roupa de traballo e materiais facilitados pola ONGD Asociación Integral de Rescate en Emerxencias (AIRE). O cargamento inclúe tamén equipamentos doados pola odontóloga saharaui Siyra Brahim.
Representantes do Concello de Nigrán, entidade que exerce a presidencia do Fondo Galego, participaron na despedida do vehículo, que se unirá á caravana de axuda humanitaria organizada polo movemento solidario co pobo saharauí que esta semana partirá desde Alacante. O camión permitirá mellorar o servizo de limpeza, que xa fora apoiado en 2022 e 2023 polo Fondo Galego, a Mancomunidade do Val Miñor, o Concello de Nigrán e o Concello de Moaña a través do proxecto Nadafa.
Ademais das actuacións sobre o terreo, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade veu organizando nos últimos anos diversas misións políticas aos campamentos de Tinduf, co fin de dar a coñecer a situación das persoas refuxiadas e visibilizar o apoio das administracións locais á causa saharauí. Ademais, emitiu unha declaración institucional instando ao Goberno español a reconsiderar o seu cambio de postura sobre o Sáhara Occidental e reclamando un referendo de autodeterminación para o pobo saharauí, que foi a base dunha moción aprobada despois por varios concellos. O Fondo Galego esixe o cumprimento do Plan de Arranxo acordado en 1991 co auspicio de Nacións Unidas.