O Fondo Galego identifica vías de cooperación co municipio guatemalteco de Raxruhá

O Fondo Galego identifica vías de cooperación co municipio guatemalteco de Raxruhá

O Fondo Galego identifica vías de cooperación co municipio guatemalteco de Raxruhá 1600 1200 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está a estudar sobre o terreo posibles vías de colaboración co municipio guatemalteco de Raxruhá en áreas como o abastecemento de auga, os sistemas de depuración, a xestión de residuos sólidos, a implementación de enerxías limpas ou a promoción da igualdade de xénero. O presidente da entidade e alcalde de Nigrán, Juan González, e mais o rexedor de Cuntis e vogal do Fondo Galego, Manuel Campos, desprazáronse á zona esta semana, canda a coordinadora técnica, Andrea García, para identificar futuros proxectos conxuntos.

A Corporación de Raxruhá, co alcalde Rigoberto Corleto á cabeza, recibiu á delegación o pasado martes e presentou os principais desafíos que enfronta este municipio rural de 40.000 habitantes, de maioría indíxena q’eqchí, onde o 36% da poboación vive na pobreza extrema e a taxa de analfabetismo chega ao 53%. A seguir, visitaron o vertedoiro municipal e mantiveron encontros con representantes dos Consellos Comunitarios de Desenvolvemento de distintas aldeas, como San Miguel Sechochoc, Secaham ou Benitzul. Alí puideron escoitar os testemuños de primeira man da veciñanza que carece de subministro eléctrico ou das mulleres e a rapazada que teñen que percorrer longas distancias para conseguir auga limpa.

Do mesmo xeito, os alcaldes de Nigrán e Cuntis foron intercambiando experiencias coas autoridades locais sobre a xestión da auga, o saneamento, o lixo ou as taxas municipais, achegando exemplos prácticos dos seus concellos. Para hoxe está prevista a visita ás aldeas de Damasco e San José El Tesoro, mentres que mañá haberá unha nova xuntanza con representantes políticos e persoal técnico de Raxruhá para tirar conclusións da estadía e establecer  os acordos iniciais. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade busca así apoiar os esforzos locais a prol dun desenvolvemento inclusivo e sustentable nesta vila do Departamento de Alta Verapaz, o máis empobrecido de Guatemala e cunha desigualdade acentuada, que se traduce na exclusión das poboacións indíxenas e rurais.

Proxectos en Guatemala

Aínda que Guatemala é un país prioritario para a Cooperación Galega, non o ten sido para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. No entanto, a entidade apoiou desde o ano 1998 un total de 14 proxectos no país centroamericano -5 deles xeito directo- aos que achegou máis de 233.000 euros. Dotación de infraestruturas, reconstrución de vivendas, soberanía alimentaria, participación social, equidade de xénero ou dereito á educación foron algúns dos ámbitos de actuación, case sempre a través de ONGD galegas.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información