A Unión Nacional de Mulleres Saharauís (UNMS) consolídase como referente na loita pola autodeterminación e na defensa dos dereitos da muller durante o seu X Congreso, celebrado esta semana nos campamentos de persoas refuxiadas de Tinduf (Alxeria). O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade contribuíu con 5.000 euros á organización deste encontro, que busca impulsar o empoderamento feminino e reforzar o liderado das donas nos procesos de toma de decisións.
‘A muller saharauí: Resistencia e sacrificio pola conquista da independencia e a liberdade’ era o lema destas xornadas, que incluíron obradoiros sobre o papel das mulleres na promoción da paz e ante retos medioambientais como o cambio climático ou a explotación dos recursos naturais. Durante o evento aprobouse asemade o último informe de xestión da UNMS e definiuse o próximo plan de acción.
Ademais, saíu reelixida como secretaria xeral Chàba Seini, que destacou como as mulleres seguen a ser un piar fundamental na construción social e na resistencia fronte á ocupación marroquí do Sáhara Occidental. Por outra banda, o X Congreso da Unión Nacional de Mulleres Saharauís permitiu reforzar as alianzas internacionais a prol da causa, coa presenza de varias delegacións estranxeiras.
O labor da UNMS céntrase na defensa da igualdade de xénero e dos dereitos políticos, sociais e económicos das mulleres saharauís, motor da cohesión social e da construción institucional nun contexto marcado polo exilio, a guerra e as dificultades estruturais. O seu traballo é un exemplo de compromiso, dignidade e resiliencia, contribuíndo activamente á loita pola independencia e á denuncia da vulneración de dereitos nos territorios ocupados.