O Fondo Galego de Cooperación suma dez novos concellos e mais a Deputación de Ourense

O Fondo Galego de Cooperación suma dez novos concellos e mais a Deputación de Ourense

O Fondo Galego de Cooperación suma dez novos concellos e mais a Deputación de Ourense 2560 1707 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ratificou esta mañá as altas de dez novos concellos e mais da Deputación de Ourense, anfitrioa do encontro que se celebrou no Centro Cultural Marcos Valcárcel. A Pobra do Brollón, Cedeira, Coristanco, O Bolo, O Incio, Ourol, Salceda de Caselas, Trabada, Vedra, Xinzo de Limia e mais a administración provincial contribuirán á loita contra a pobreza e as desigualdades nos chamados países do Sur Global a través desta rede, que conta xa con 115 municipios e as catro deputacións.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, deulles a benvida aos numerosos representantes municipais presentes, poñendo en valor a cooperación internacional impulsada polos concellos, como tamén fixo o presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González.

A Asemblea Xeral contou asemade coa participación do alcalde do Tarrafal, José dos Reis, e o concelleiro Osvaldo Chantre, que presentaron o proxecto de apoio ao desenvolvemento económico local deste municipio caboverdiano que está a impulsar o Fondo Galego. Tamén interviñeron dúas das integrantes do Consello Climático Xuvenil do Concello de Teo, María Blanco e Montse Mayo, que expuxeron esta experiencia como exemplo de boas prácticas no marco do proxecto europeo People & Planet, alén de compartir as súas conclusións finais.

Na xuntanza aprobouse tanto a memoria do pasado exercicio como o plan de actividades e o orzamento para este ano, que incorpora proxectos de cooperación directa en diversos países de África e Latinoamérica. A isto súmase a convocatoria de axudas a proxectos de ONGD galegas, dotada con 100.000 euros. No eido da educación para a cidadanía global, os concellos socios do Fondo Galego acollerán medio cento de actividades, que van desde teatro de monicreques sobre a poboación refuxiada ata encontros con mulleres palestinas, pasando por cinefórums, charlas ou exposicións. A orde do día incluía ademais a adhesión á Unión de Cidades Capitais de Lingua Portugusa (UCCLA), que tamén foi aprobada.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información