O alcalde do municipio caboverdiano do Tarrafal, José dos Reis, e o concelleiro Osvaldo Chantre percorrerán desde hoxe e ata o vindeiro luns unha decena de concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para coñecer boas prácticas no ámbito da agricultura, a gandería e a pesca. A visita encádrase no proxecto ‘Apoio ao Desenvolvemento Económico Local do Municipio do Tarrafal’, impulsado polo Fondo Galego e cofinanciado pola Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad.
O proxecto botou a andar en 2024, cando a axente de emprego e desenvolvemento local de Brión, Lola Landeira, e a xefa de brigada de incendios de Nigrán, Carla Pérez, se desprazaron ao Tarrafal co programa de cooperación técnica Especialistas en Cooperar para identificar as necesidades e potencialidades da zona, como punto de partida para unha colaboración a catro anos. Tamén o alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego, Juan González, visitou a localidade, e apostou por financiar con recursos municipais un sistema de microirrigación, dados os problemas de seca, para que 24 familias cultiven alimentos.

O alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, guiou á comitiva por distintos proxectos de produción local.
A axenda da delegación caboverdiana iniciouse precisamente esta mañá cunha recepción institucional no Concello de Nigrán, onde ambos os dous rexedores se comprometeron a formalizar un irmandamento. Os convidados tamén se achegaron ao parque forestal Os Matos-Río Táboas e a unha fábrica de cervexa artesanal. Xa pola tarde, foron recibidos polo alcalde das Neves e tesoureiro do Fondo Galego, José Manuel Alfonso, alén de coñecer unha adega e a produción de mel. Mañá martes, estarán nos concellos de Brión e Boiro para visitar hortas, un centro de transformación de conservas vexetais, unha cetárea de mariscos e unha empresa de subministros para a pesca e a acuicultura.
O mércores, 26 de marzo, José dos Reis e Osvaldo Chantre presentarán o proxecto de apoio ao desenvolvemento local do Tarrafal na Asemblea Xeral do Fondo Galego, que se celebrará ás 11 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel, exercendo a Deputación de Ourense como anfitrioa. Pola tarde desprazaranse a unha granxa en Pantón, mentres que o xoves coñecerán unha cooperativa de horta ecolóxica en Oza–Cesuras.
A xornada do venres desenvolverase no Concello da Laracha, con visitas a unha granxa e a unha planta de envasado e mais encontros con asociacións. Os representantes municipais de Cabo Verde irán o sábado a Salceda de Caselas para coñecer unha produtora cárnica e tamén o labor da Asociación Veciñal, Agrícola e Cultural San Tomé de Parderrubias. A axenda pecharase o luns 31 no Concello de Burela, onde se reunirán coa confraría e con armadores, ademais de achegarse ata o barco-museo boniteiro.