Catro mozas da Guarda gañan a segunda edición do certame audiovisual #PeopleOfTheFuture

Catro mozas da Guarda gañan a segunda edición do certame audiovisual #PeopleOfTheFuture

Catro mozas da Guarda gañan a segunda edición do certame audiovisual #PeopleOfTheFuture 1895 1321 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Un grupo de alumnas do IES A Sangriña vén de gañar a segunda edición do certame audiovisual #PeopleOfTheFuture, que busca promover estilos de vida sostibles entre a xente nova. Laura Rodríguez, Cayetana Berrecoso, Yurena Martín e Alejandra Iliescu son as autoras da peza ‘Consciencia do uso dos recursos naturais’, que anima a mudar de hábitos para combater o cambio climático. O alcalde da Guarda, Roberto Álvarez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Óscar Alonso, fixéronlles entrega esta mañá do seu premio, que consistirá nunha ruta a cabalo.

O concurso convocouse no marco do proxecto europeo People & Planet, no que participa o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, asociación de administracións locais da que forma parte o Concello da Guarda. Neste contexto, organizáronse obradoiros de videoactivismo ambiental en nove concellos, nos que participaron 228 mozas e mozos. Destas formacións, impartidas pola ONGD Agareso e financiadas pola Xunta de Galicia, resultaron 54 vídeos onde a rapazada identificaba un problema local ou global e explicaba que facer ao respecto. Entre todas as pezas convocouse o concurso #PeopleOfTheFuture.

Cómpre apuntar que o Concello da Guarda veu participando nos últimos tres anos no proxecto People & Planet a través dun dos catro Consellos Climáticos Xuvenís constituídos noutros tantos concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A mocidade xa lle presentou aos representantes municipais as súas propostas, entre as que se inclúen sensibilizar fronte as especies invasoras e plantar árbores autóctonas para previr incendios, espazos urbanos máis verdes ou a organización dun festival sostible. Ademais, as recomendacións elaboradas pola mocidade a nivel autonómico expuxéronse o pasado mércores na Asemblea Xeral do Fondo Galego.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información