No mundo actual, uns 780 millóns de persoas viven por baixo do limiar da pobreza, que se sitúa nos 1,90 dólares diarios. Se, alén dos ingresos económicos, temos en conta o acceso a servizos básicos como a saúde ou a educación, esta cifra increméntase noutros 500 millóns de persoas. A pobreza multidimensional dáse en todos os países, pero afecta especialmente a aqueles chamados menos desenvolvidos. A estes alarmantes datos de Nacións Unidas súmase o feito de que a fame segue medrando e afecta xa a 821 millóns de persoas. Ademais, 70 millóns de persoas se viron obrigadas a abandonar os seus fogares a causa do conflito e da persecución, das que 30 millóns se consideran refuxiadas.
Son números tras os que se agochan rostros de mulleres e homes, nenas e nenos, que cada día se enfrontan a unha dura realidade. Nun mundo globalizado, as administracións locais non podemos mirar para outro lado.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, expresión do municipalismo galego solidario, naceu en 1997 para dar resposta a estas inxustizas e desigualdades que acontecen a nivel mundial, na procura dunha maior eficiencia e recursos. Naceu desde o convencemento de que grao a grao e coas especificidades do poder local, a nosa cooperación tiña fondo: alá, axudando a desenvolver procesos de desenvolvemento humano, e aquí, xerando cultura cívica global desde o local.
O Fondo Galego leva apoiados un total de 150 proxectos de cooperación ao desenvolvemento en máis de 30 países diferentes: Nicaragua, Perú, Cuba, Cabo Verde e Mozambique son só algúns deles. Iniciativas de abastecemento de auga e saneamento, alfabetización, igualdade de xénero, educación infantil, fortalecemento dos municipios do Sur, participación cidadá, apoio aos procesos de descentralización, axuda de emerxencia ante catástrofes naturais e, por suposto, achegas ás persoas refuxiadas saharauís, palestinas e sirias. Estas son só unha mostra do traballo desenvolvido, sempre cun enfoque superador de paternalismos e coa idea clara de levar a cabo o traballo en pé de igualdade cos parceiros do Sur e respecto dos valores culturais.
Tras 22 anos de andaina, arredor de un terzo das entidades locais galegas conforman e impulsan este espazo do municipalismo galego con vocación solidaria e internacionalista. Xa somos 100. Pero non é suficiente. Faltan 214.
Con todas as oportunidades que nos brinda o municipalismo, sendo a administración máis próxima á cidadanía, máis próxima ao seu sentir e tamén ás súas necesidades, oxalá este sexa un mandato no que poidamos ver máis alá do que os nosos ollos, e sexamos quen de comprender que desde o local podemos iniciar procesos de cambio que repercutan positivamente a nivel mundial. Os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible, 17 obxectivos e 169 metas que a ONU marca como data límite para o seu cumprimento o ano 2030, é un chamado á acción, co lema “non deixar a ninguén atrás”.
Mais, este camiño non o podemos facer sos, precisamos unir vontades, estender lazos e abrir pontes. As persoas, os gobernos, e tamén os gobernos locais, da igual de onde, deberíamos ter presente que a vida do planeta e as vidas que nel habitan dependen do hoxe, dos nosos hábitos, das nosas escollas, das nosas políticas e do noso compromiso coa xustiza global.
Nun mundo convulso, en permanente cambio, facemos un chamado para que todos os municipios e deputacións de Galicia se unan ao Fondo Galego, co propósito de impulsar unha longa e verdadeira unión entre os pobos na defensa dos Dereitos Humanos Universais. Agardámosvos cos brazos abertos.
*Mocíon lida pola vicepresidenta do Fondo Galego, Ana B. Gundín, na Asemblea Xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), celebrada en Santiago de Compostela o 29 de novembro de 2019.