Un técnico medioambiental do Concello de Redondela vén de pasar un mes en Mozambique asesorando aos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en materia de xestión do lixo. A través das Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado internacional dirixido aos cadros das administracións locais socias da entidade, Jesús Bravo colaborou coa Fundação Encontro para promover a separación, reutilización e reciclaxe dos residuos nas comunidades.
“Regreso cunha mochila máis baleira de prexuízos e medos, e repleta de grandes vivencias, de moitísimas emocións, desa aprendizaxe que non se atopa nos libros”, comentou o voluntario á súa volta. “O obxectivo deste proxecto era compartir coñecementos e experiencias profesionais; logo do vivido e transmitido podo asegurar que esas metas foron acadadas plenamente”, engadía ao facer balance da estancia.
O labor de Jesús Bravo centrouse en ofrecer charlas de concienciación sobre o mellor xeito de xestionar o lixo, evitando sobre todo os vertedoiros incontrolados a ceo aberto. Axudou a instalar recipientes para separar os residuos e asesorou sobre o emprego da materia orgánica como compost, chegando a comprobar como a veciñanza poñía en práctica estas suxestións. Tamén realizou varias actividades na Casa do Gaiato, fogar de preto de 200 nenos, supervisando a retirada de plásticos nas zonas de cultivo e organizando “brigadas antilixo” cos cativos. Traballou asemade con activistas da Fundação Encontro, que agora se encargarán de darlle continuidade a este labor tanto a nivel interno como nas aldeas.
Viaxes previas e posteriores
O programa Vacacións con Traballo tamén enviou este ano a Cabo Verde a Lola Pardo, técnica de desenvolvemento local do Concello da Coruña, que en setembro asesorou á Cámara Municipal de Santa Cruz nesta área. Despois de coñecer os recursos dispoñibles, profundando con cada un dos axentes no seu xeito de traballar e nas súas necesidades, a especialista realizou achegas a diferentes documentos estratéxicos. Por outra parte, Néstor Romero, técnico de deportes do Concello de Lousame, tiña previsto colaborar coa vila mozambicana de Nhamayábue, pero a súa viaxe houbo de pospoñerse debido á inestabilidade na zona norte do país tras a celebración das eleccións xerais.
Un total de 46 técnicas e técnicos de 32 deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade participaron desde 2006 no programa Vacacións con Traballo, que permite intercambiar coñecementos nunha contorna novidosa, entrar en contacto con outras culturas e favorecer así a transformación cara sociedades máis xustas e inclusivas. Ademais, durante as estadías supervísanse sobre o terreo os proxectos de cooperación internacional cofinanciados, ao tempo que se poden identificar outros novos.