Cinco artistas ilustrarán A Coruña con murais sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

Cinco artistas ilustrarán A Coruña con murais sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

Cinco artistas ilustrarán A Coruña con murais sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 1199 799 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
ODS3: 'Ikigai', de Julia Lago.

ODS3: ‘Ikigai’, de Julia Lago.

Cinco artistas fomentarán a reflexión sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU pintando un gran muro da cidade herculina tras gañar o II Certame de murais arredor dos ODS ‘Muros que unen’, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co financiamento do Concello da Coruña. As propostas de Julia Lago, Miguel Cajaraville, ‘Maz’ e o dúo portugués ‘Mots’ resultaron ser as que mellor ilustraban os ODS número 3, 4, 11 e 5, que promoven, respectivamente, a saúde e o benestar, a educación de calidade, as comunidades sustentables e a igualdade de xénero.

Así o decidiu o xurado, integrado polos artistas Doa Ocampo, Eva Seoane e Novenoel, os dous últimos vencedores da primeira edición do concurso, canda unha representante do Fondo Galego e outro do Concello. Ao certame presentáronse 22 muralistas, dos que 12 eran mulleres, en dous casos agrupados por pares, e recibíronse un total de 25 bosquexos. Os catro seleccionados faranse realidade nun muro de contención duns 40 metros situado baixo o viaduto de acceso ao porto de Oza. Está previsto que as e os artistas procedan ao pintado do 9 ao 13 de decembro, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

A obra ‘Ikigai’ da coruñesa Julia Lago resultou escollida para representar o ODS3: garantir unha vida sa e promover o benestar para todas as persoas en todas as idades. O xurado valorou a capacidade da proposta para representar de maneira global esta meta, así como o impacto visual producido pola monocromía en amarelo, que lle imprime enerxía a un contido de sinxelos trazos e múltiples detalles. A autora baseouse no concepto xaponés do “ikigai”, que significa “a razón de vivir”, para presentar unha situación simple e natural colmada de benestar e saúde, afastada da visión máis comercial destes conceptos, na que están presentes o campo, a calma, a amizade, a familia e unha alimentación saudable e sostible.

ODS4: 'Obradoiro', de Miguel Cajaraville.

ODS4: ‘Obradoiro’, de Miguel Cajaraville.

Miguel Cajaraville, nado en Vigo e residente en Baiona, vai ilustrar con ‘Obradoiro’ o ODS4: garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todas as persoas. Cun estilo propio, o bosquexo introduce elementos fantásticos que supoñen unha orixinal lectura do tema, sen deixar de engadir obxectos que fan referencia directa ao mesmo. O artista racha cos estereotipos retratando pequenos “monstros” con distintos aspectos, en referencia á variedade de persoas que existe e que, no entanto, comparten o dereito a recibir unha educación axeitada.

O deseño escollido para simbolizar o ODS5: lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas, foi ‘Liberdade’, da polaca Jagoda Cierniak e o portugués Diogo Ruas, reunidos baixo a denominación de ‘Mots’. O dúo radicado en Porto aborda a problemática da violencia de xénero, estruturando o deseño en cadros e empregando pinceladas que lembran á técnica cubista, co violeta como cor dominante. A proposta presenta a unha muller coas mans atadas e, no primeiro plano, as ataduras rotas, sendo a intención dos artistas subliñar a necesidade de loitar de maneira constante polos dereitos das mulleres, ao tempo que renden homenaxe a quen así o fai.

ODS5: 'Liberdade', de 'Mots'.

ODS5: ‘Liberdade’, de ‘Mots’.

Baixo o alias de ‘Maz’,  Marcos Fernández, natural de Vigo e afincado en Chantada, vai ser o encargado de representar co seu traballo ‘Obras azuis’ o ODS11: lograr que as cidades e os asentamentos humanos sexan inclusivos, seguros, resilientes e sustentables. O debuxo ofrece diversas perspectivas desta ampla temática, empregando unha paleta de cores reducida pero suxestiva e unha simboloxía de rápida identificación. A intención do autor é levarnos a esa cidade ideal a través de tres escenas que representan unha evolución próspera de comunidade, baseada nunha organización popular que promova unha convivencia adaptada a todas as persoas e respectuosa coa contorna.

Os xurado quixo salientar ademais a complementariedade dos traballos seleccionados, que ofrecen gran variedade de estilos e cores e que están asinados tanto por homes como por mulleres. A través dos catro murais, premiados con 2.000 euros cada un, emprégase a arte urbana para difundir os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados polos Estados membros da ONU a finais de 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade da poboación no horizonte de 2030. A fin de fomentar tamén o pensamento crítico e a participación cidadá na construción de cidades inclusivas, ‘Muros que unen’ encádrase no convenio asinado entre o Fondo Galego e o Concello da Coruña, que destina así 20.000 euros á realización de actividades de sensibilización fronte as desigualdades.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información