O obxectivo da intervención foi o de fortalecer os mecanismos de participación cidadá para mellorar a calidade dos servizos públicos de saúde, así como o acceso aos mesmos, no municipio de Usulután. Para iso, formouse a unha decena de voluntarias como promotoras de saúde, abordando aspectos como os métodos de planificación familiar, prevención do cancro de cérvix e de mama, educación sexual, riscos no embarazo ou primeiros auxilios.
Por outra parte, no marco do proxecto realizáronse 200 mamografías e outros exames complementarios, alén de facilitar o transporte e a manutención para que as mulleres puideran desprazarse á clínica. As beneficiarias foron seleccionadas en función dos criterios ministeriais, atendendo ao risco en función da idade, antecedentes familiares, síntomas, etc. Amais de incidir na importancia de someterse ás probas preventivas, impulsáronse campañas de sensibilización arredor da violencia de xénero e sobre saúde sexual e reprodutiva. Deste xeito, as radios comunitarias e as redes sociais foron empregadas para informar sobre métodos anticonceptivos ou previr embarazos precoces.
Ao mesmo tempo, creouse un equipo conformado principalmente por lideresas comunitarias para avaliar a calidade e a calidez da atención sanitaria no centro de saúde e no hospital de Usulután.
