Tres novas obras fomentarán a reflexión sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU no Barrio das Flores tras gañar o VI Certame de murais arredor dos ODS ‘Muros que unen’, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co financiamento do Concello da Coruña. As propostas de Bernat Solsona, ‘Pekolejo’ e Marta Burgui resultaron ser as que mellor ilustran os ODS 12, 13 e 14, que promoven o consumo responsable, a acción climática e a protección dos océanos.
Así o decidiu o xurado, integrado polos artistas Peri Helio, Sandra Lodi e Alejandro Mosquera, vencedores da anterior edición, canda unha representante do Fondo Galego e outra do Concello. Ao concurso presentáronse 29 muralistas -en catro casos ían en parella-, dos que 16 eran mulleres, superando por vez primeira ao número de homes, e recibíronse un total de 34 bosquexos. As tres obras seleccionadas faranse realidade previsiblemente neste mes de setembro nos soportais da Rúa Azahar, cubrindo unha superficie de máis de 60 m2.

ODS 12: Barrios con vida, non con caixas.
A proposta ‘Barrios con vida, non con caixas’, do barcelonés Bernat Solsona, resultou escollida para representar o ODS 12: garantir modalidades de consumo e produción sustentables. O xurado valorou a capacidade para evocar estes aspectos, recreando o comercio local que está a ser substituído polas compras online. Cun estilo definido e empregando só a cor vermella, transmítese unha mensaxe que ofrece distintos niveis de lectura a medida que se profundiza na obra. O bar con produtos de proximidade, a librería que soporta a cultura local e o taller onde se reparan bicicletas encaixan coa promoción de modalidades económicas e estilos de vida sustentables que impulsa a Axenda 2030.

ODS 13: Éxodo climático.
O dúo ‘Pekolejo’, integrado pola estremeña Penélope Moreno e o chileno Moisés Vargas, vai ilustrar con ‘Éxodo climático’ o ODS 13: Adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos. O bosquexo reflicte as migracións xeradas polo quecemento global, que se percibe nas tonalidades cálidas, mesmo personificando aos animais afectados, que buscan salvarse a bordo dunha especie de arca de Noé na que viaxa tamén unha rapaza. Ela suxeita unha pequena planta, mirando ao horizonte en actitude resiliente, á procura dun futuro mellor.

ODS 14: Conservemos o ecosistema mariño.
‘Conservemos o ecosistema mariño’, da logroñesa Marta Burgui, foi o deseño seleccionado para simbolizar o ODS 14: conservar e utilizar de forma sustentable os océanos, os mares e os recursos mariños para o desenvolvemento sostible. A obra lévanos a descubrir e poñer en valor a diversidade do fondo mariño, un mundo cheo de vida e de cor que tanto nos aporta e que debemos preservar. O xurado tivo en conta o equilibrio e os contrastes da composición, alén da súa mensaxe optimista, transmitida tamén pola paleta escollida. Anima así a evitar a contaminación e sobre explotación dos océanos, protexendo a súa riqueza.
A través dos tres murais, premiados con 2.000 € o primeiro e con 1.500 € os outros dous, emprégase a arte urbana para difundir os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados polos Estados membros da ONU en 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade da poboación no horizonte de 2030. A fin de fomentar tamén o pensamento crítico e a participación cidadá na construción de cidades inclusivas, ‘Muros que unen’ encádrase no convenio asinado entre o Fondo Galego e o Concello da Coruña, que destina así 20.000 € á realización de actividades de sensibilización fronte as desigualdades.