Unha decena de mozas e mozos integrantes dos Consellos Climáticos Asesores Xuvenís dos concellos das Neves e Oleiros participan nun campus de verán para elaborar unha guía sobre hábitos sustentables que despois será completada por rapazada da Guarda e Teo. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade promove nos catro municipios estes grupos de traballo e reflexión no marco do proxecto europeo People & Planet, que implica á xente nova e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático.
O encontro deu comezo o pasado luns no albergue xuvenil de Sada e prolongarase ata hoxe mércores co obxectivo de elaborar propostas sobre hábitos de vida individuais e colectivos máis respectuosos co medio ambiente. O manual resultante compartirase o vindeiro ano con mocidade dos outros oito países involucrados no proxecto nun youthactivism lab que se organizará en Lisboa co fin de pechar unha guía conxunta que despois se presentará publicamente.
O programa desenvolvido nestes días comprende desde dinámicas de investigación e traballo en equipo ata xogos para incrementar os coñecementos sobre o cambio climático. Tamén obradoiros para crear vídeos para promover o compromiso coa sustentabilidade a través da participación no reto xuvenil #PeopleOfTheFuture. Ademais, o grupo recibiu a visita dunha representante de Ecoloxistas en Acción, que non só lles presentou datos sobre a emerxencia climática, senón que tamén puxo de relevo a importancia do activismo medioambiental.
No entanto, cada un dos Consellos Climáticos Xuvenís, dinamizados por persoal da cooperativa Dalle que Dalle, reúnese mensualmente no seu municipio para reflexionar sobre estilos de vida máis sostibles, xuntando as visións local e global. Ademais, deseñan accións a pequena escala, dirixidas a facer a súa contorna máis sustentable, para que sexan levadas a cabo nos concellos.
#PeopleAndPlanet
O proxecto ‘People & Planet: un destino común’ ten como obxectivo concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030, en especial o ODS 13, que chama a adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 19 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.