Autoridades locais de Galicia e países lusófonos trocan boas prácticas arredor da Axenda 2030

Autoridades locais de Galicia e países lusófonos trocan boas prácticas arredor da Axenda 2030

Autoridades locais de Galicia e países lusófonos trocan boas prácticas arredor da Axenda 2030 1920 1280 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Autoridades locais de Galicia e de cinco países de lingua oficial portuguesa intercambiaron boas prácticas arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no II Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, que se celebrou en Braga baixo o epígrafe a ‘A localización dos ODS tras a Covid-19: unha mirada desde o xénero’ os días 25 e 26 de novembro. Participantes de Mozambique, Guinea-Bissau, Cabo Verde, Príncipe e Portugal compartiron desafíos e estratexias neste encontro organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA).

Representantes da Xunta, Fondo Galego, Concello de Braga e UCCLA inauguraron o evento.

O evento, que puido seguirse online, deu comezo no Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha mesa inaugural na que o presidente do Fondo Galego, Juan González, lembrou que o primeiro foro, celebrado en 2019 en Santiago de Compostela, culminou coa creación da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS, “un espazo de participación igualitaria no que procuramos solucións a retos compartidos, onde todas as partes aprendemos e nos fortalecemos”. Unha actuación conxunta que defendeu, así mesmo, o subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza, Xosé Lago, quen indicou que “a Xunta promove a colaboración entre Galicia e o Norte de Portugal e máis alá, pois os países africanos de lingua portuguesa son prioritarios para a cooperación galega”.

O presidente da ANMCV abordou as consecuencias da Covid-19 sobre as comunidades locais.

Tamén o secretario xeral da UCCLA, Vitor Ramalho, chamou a “xuntar forzas para combater o agravamento da discriminación e as desigualdades que trouxo a pandemia”, mentres que a concelleira de Educación e Cohesión Social de Braga, Carla Sepúlveda, destacou como “a crise xerada polo coronavirus puxo de manifesto interdependencias, fraxilidades e prioridades sobre as que debemos reflexionar de xeito crítico”. Sobre as consecuencias da Covid-19 nas comunidades locais falou asemade Herménio Fernándes, presidente da Asociación Nacional dos Municipios de Cabo Verde (ANMCV), quen apuntou como “os esforzos do arquipélago para acadar o desenvolvemento sustentable se viron ameazados”, pero destacou ao mesmo tempo a “capacidade de resiliencia” do seu pobo.

Os retos do municipalismo perante o cambio climático centraron o seguinte debate, no que a alcaldesa da vila mozambicana de Boane, Mariana Cupane, puxo de relevo como “os eventos climáticos extremos afectan en primeiro termo ás mulleres e raparigas, que ademais son responsables da familia, polo que deben buscar solucións como ir á procura de auga”, pese a estaren “excluídas dos círculos de poder e da toma de decisións que lles afectan”. Este enfoque de xénero aplicouno tamén a secretaria rexional do Ambiente do Goberno do Príncipe, Ana Alice da Mata, quen sinalou que a erosión provocada pola subida do nivel do mar reduce a dimensión das illas e fai desaparecer os areais, “afectando non só ás comunidades pesqueiras senón especialmente ás mulleres que viven da salga”.

O concelleiro Odilo Barreiro presentou as accións de Moaña para combater o cambio climático.

O vicepresidente da ANMCV, Júlio Lópes, incidiu en que “as mudanzas climáticas teñen un grande impacto nas illas, de aí que os poderes públicos, municipais e estatais, deban adoptar medidas para combatelo e fomentar a capacidade de adaptación”, cumprindo así co ODS 13. No mesmo senso, o concelleiro de Medio Ambiente de Moaña, Odilo Barreiro, concluíu que “as políticas de loita contra o cambio climático deben ser transversais en todas as áreas de goberno, desde o urbanismo ata as actividades culturais” e chamou a “unha cooperación lusófona contra a emerxencia climática”.

Paula González, concelleira en Cabanas, falou do rural con perspectiva de xénero.

A segunda xornada do II Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía arrincou cunha sesión sobre ruralismo e ODS, na que a concelleira de Igualdade de Cabanas, Paula González, expuxo como “a Axenda 2030 impulsa aos concellos rurais a traballar desde unha perspectiva universal e inclusiva, co obxectivo de que ninguén quede atrás”, particularmente tendo en conta o envellecemento e dispersión da poboación feminina na nosa contorna, para o que é preciso descentralizar as actividades.

Tamén o gobernador interino de Cacheu (Guinea-Bissau), Fernando Eduardo Pires, fixo fincapé en que a distancia a determinados servizos como os hospitais prexudica nomeadamente as mulleres, embarazadas e nais por exemplo, e en como “a medida que se ascende nos ciclos educativos, a porcentaxe de raparigas decrece porque se lles prohibe desprazarse lonxe da familia”. Pola súa banda, o presidente da Rede Intermunicipal de Cooperação para o Desenvolvimento (Portugal), Paulo Ramalho, subliñou que “a pandemia trouxo unha nova querencia polo auténtico” e que “resulta de vital importancia ter boas condicións de vida non só nas cidades, senón tamén no rural, para fixar a poboación”.

A representante da Deputación de Pontevedra compartiu a mesa sobre igualdade con relatoras online.

A derradeira mesa do encontro centrouse precisamente na igualdade de xénero e no empoderamento de mulleres e nenas e estivo moderada pola concelleira de Igualdade de Pontedeume, Raquel Caruncho. A presidenta do Consello Rexional da Xuventude de Cacheu, Deusa da Silva, deu inicio aos relatorios explicando que a equidade de xénero está recoñecida na lexislación de Guinea-Bissau, pero “para a maioría das etnias as mulleres non teñen dereito á propiedade da terra nin á herdanza e están en desvantaxe no divorcio e no reparto de bens entre a parella”, polo que chamou a unha alianza internacional a prol do ODS 5. Pola súa banda, a concelleira de Santa Cruz, Jamira Duarte, expresou que “en Cabo Verde a pobreza ten rostro feminino” e introduciu o concepto de “pobreza de tempo”, indicando que “os homes dedican 38 horas semanais ao traballo non remunerado e as mulleres case 63 horas, o que dificulta o seu acceso ao traballo formal, á formación e á autonomía económica”, eivas ás que están intentando poñer solución desde o concello.

A continuación, Rogerio Albino, edil do municipio mozambicano de Mandlakaze, apostou por “intensificar a participación das mulleres nos cargos decisorios” para o cal “é preciso vencer barreiras como o analfabetismo, tabús culturais, dificultades económicas, etc.” Para rematar, a deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, explicou como a institución provincial está a traballar cunha “cultura igualitaria”, tamén cara o interno, e glosou as diferentes iniciativas impulsadas a prol da igualdade e contra a violencia machista.

Alén dos relatorios, o programa do II Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía incorporou dúas presentacións. Unha sobre ‘Educación para o desenvolvemento nunha lóxica paticipativa’ a cargo de Princesa Peixoto, directora da Área Social da UCCLA, e outra sobre o proxecto ‘Rumo a 2030’, exposto por Mónica Silva, técnica do Instituto Marquês de Valle Flôr.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información