Unha delegación de concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade atópase desde onte e ata mañá venres en Córdoba para participar no Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional, que busca poñer en valor a cooperación ao desenvolvemento impulsada polos municipios. O presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González; a secretaria da entidade e concelleira de Ames, Luísa Feióo, e mais a edil de Lugo, Olga López , exporán as súas experiencias nas mesas que se organizan no Palacio de Congresos.
Tras a apertura institucional celebrada onte coa presenza do ministro de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación, José Manuel Albares, a axenda galega arrincou hoxe ás 10:25 horas coa presentación ‘Lugo, cidade polo comercio xusto’, a cargo de Olga López, no Ágora Patio. Varios paneis desenvolveranse simultaneamente a partir das 12 horas, un deles sobre ‘Alianzas e redes para potenciar a cooperación municipalista en España’, no que Juan González presentará a Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS, integrada por sete países de lingua oficial portuguesa e Galicia co obxectivo de fomentar a aprendizaxe mutua e establecer sinerxías para o cumprimento da Axenda 2030.
Xa pola tarde, ás 16 horas, o panel ‘Instrumentos e experiencias para impulsar a cooperación directa municipalista’ contará coa intervención de Luísa Feijóo, quen explicará o programa de cooperación técnica con Tarrafal, en función do cal persoal técnico do Concello de Ames achega o seu asesoramento sobre o terreo no municipio caboverdiano. Na mesma xornada, dirixentes do Fondo Galego acudirán á xuntanza do Consello Confederal da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, da que a entidade forma parte.
O Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional, no que participan máis de 300 representantes de municipios e diversas institucións, culminará mañá venres cun diálogo protagonizado pola delegación mozambicana. As e os membros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade aproveitarán a xornada para reunirse coa Asociación Nacional de Municipios de Mozambique, coa que na actualidade ten en marcha dous proxectos de cooperación.
O evento está organizado polo Fondo Andaluz de Municipios para la Solidaridad Internacional (FAMSI), a Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad e a Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), coa colaboración da Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), Dirección General de Políticas de Desarrollo Sostenible (DGPOLDES), Agencia Andaluza de Cooperación Internacional al Desarrollo (AACID), Platforma, Ayuntamiento de Córdoba e Diputación de Córdoba.