O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade desenvolverá nas próximas semanas os encontros ‘Territorios que transforman’ nas catro provincias galegas, co obxectivo de fortalecer a cooperación internacional impulsada polos concellos. As xornadas contarán coa participación de representantes de ONGD e de municipios dos países do Sur Global cos que o Fondo Galego ten colaborado, a fin de dar a coñecer a súa realidade e intercambiar experiencias con persoal político e técnico local.
A Deputación de Ourense será a anfitrioa da primeira xornada de traballo, que terá lugar o 19 de outubro no Centro Cultural Marcos Valcárcel, a partir das 11 horas, coa presenza dunha delegación guatemalteca. Trátase de Antonio Sharshente, vicealcalde do municipio de Jocotán, e mais de Ángel Berna e Marvin Calderón, da asociación Mejorha, que xa implementou varios proxectos apoiados polo Fondo Galego de Cooperación a través da ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, que tamén intervirá neste evento.
‘Territorios que transforman’ continuará previsiblemente na segunda semana de novembro nas tres provincias restantes, coa participación neste caso de Marta Calderón, especialista en cooperación e relacións internacionais da Oficina do Conservador da Cidade de Santiago de Cuba. Concretamente, o encontro na Coruña terá lugar o 10 de novembro, dentro dun programa formativo máis amplo sobre irmandamentos e axuda humanitaria. O día anterior, a convidada cubana ofrecerá unha charla aberta ao público, que se replicará noutros concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Programa estatal
‘Territorios que transforman’ é unha iniciativa financiada pola Dirección General de Políticas de Desarrollo Sostenible e coordinada pola Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, que se está a replicar en diferentes Comunidades Autónomas. O obxectivo é desenvolver un proceso integral de reflexión para incorporar a cooperación internacional e a coherencia de políticas na axenda local. A integración en redes como o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade democratiza a participación dos concellos neste ámbito, canalizando a solidariedade da veciñanza con profesionalidade e eficacia. Durante as sesións distribuiranse asemade os manuais ‘Municipalismo e solidariedade. Do discurso á práctica’ e ‘Proxectos destacados e boas prácticas da cooperación descentralizada’.