Unha alumna do Mestrado en Xestión da Cooperación Internacional e das ONGs atópase na actualidade en Cabo Verde rematando o período práctico do curso. Susana Maceiras pasou dous meses de prácticas no Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), que asume a Secretaría Técnica do Fondo Galego, e pasará un terceiro mes sobre o terreo no arquipélago africano.
Susana Maceiras, que xa coñecía o traballo do Fondo Galego, decidiuse por esta entidade porque “a súa filosofía sobre cómo entender e aplicar a cooperación para o desenvolvemento é a máis axeitada”. Asegura tamén que as prácticas na Secretaría Técnica lle permitiron achegarse ao contexto mundial a través de varias vías: colaborando na revisión e realización de proxectos de cooperación, botando unha man coas accións de sensibilización e participando da investigación e o estudo da realidade internacional. “Ademais, deume a oportunidade de viaxar ata o terreo e ter unha perspectiva máis achegada ao que alí acontece”, engade.
A estudante estará ata comezos de outubro na illa caboverdiana do Maio, colaborando na supervisión de dous dos proxectos promovidos polo Fondo Galego en parcería coa Câmara Municipal. Trátase da edificación e dinamización dun centro comunitario para as vilas de Alcatraz e Pilão Cão, e mais da construción de 60 cuartos de baño en vivendas das localidades de Figueira e Ribeira Don João. Ademais, acompañará o proceso de identificación e formulación de proxectos que a Câmara presentará ao Fondo Galego con intención de conseguir apoio para o ano próximo. Tamén participará, desde o terreo, na difusión dos proxectos en Galicia, grazas ás novas tecnoloxías.