O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de pór en marcha o proxecto que permitirá formar a preto dun cento de haitianos e haitianas en técnicas de construción antisísmicas e anticiclónicas con materiais tradicionais. A iniciativa, formulada canda o Fons Català de Cooperació, desenvolverase nos municipios de Carice, Vallières e Monbin Crochu, na fronteira nordeste coa República Dominicana. O Fondo Galego achega 160.000 euros procedentes de diversas administracións socias e algúns cidadáns que seguen a realizar as súas doazóns a través da conta de emerxencia aberta tras o devastador terremoto do 12 de xaneiro.
O proxecto de apoio ao desenvolvemento local presentado polo Fondo Galego actúa en varias frontes co fin de crear capacidades rexionais para mellorar as condicións de vida da poboación en equilibrio coa natureza, e así disipar os riscos e mitigar os desastres provocados polos fenómenos naturais na illa caribeña. Trátase, en definitiva, de apoiar as institucións e ás organizacións sociais para fortalecer a súa capacidade de desenvolveren plans de acción que disipen esa vulnerabilidade, aplicando políticas para o uso e ocupación do solo e sensibilizando á cidadanía para unha axeitada xestión da terra.
Para conseguilo, dunha banda impulsarase un programa intermunicipal de concertación de políticas públicas arredor de cuestións como a ordenación do territorio, a sostibilidade ambiental, o crecemento económico e a prevención de riscos. Tamén se adaptarán os plans de estudos que afectan aos 60 alumnos do Centro de Formación Profesional de Carice de acordo aos novos retos nas disciplinas de agroecoloxía, construción local adaptada, socio-administración e economía social.
Ao mesmo tempo, construirase un centro polivalente intermunicipal que se constituirá como un espazo intercomunal para o desenvolvemento local. Erguerase con estruturas e materiais resistentes aos terremotos e os furacáns que terán en conta a recuperación do medio ambiente e o emprego de elementos tradicionais. Entre eles destacan a arxila e o bambú, principalmente a clase chamada ‘guadua’, tamén coñecida como ‘aceiro vexetal’, que está a dar excelentes resultados noutros países de tradición sísmica. De xeito paralelo impartirase un taller sobre economía social e fortaleceranse as capacidades dos produtores coa plantación de bambú e outras especies vexetais, a transformación da arxila ou a reciclaxe de materiais para a construción. A edificación resultante será un exemplo para futuras vivendas na zona e servirá como práctica para unhas 90 persoas que sairán graduadas en construción.
A iniciativa cofinanciada en Haití polo Fondo Galego de Cooperación terá aínda un cuarto resultado. Crearase un sistema de información intercomunal en base á vulnerabilidade da poboación en relación aos riscos e desastres que implicará aos comités de Protección Civil de cada un dos tres municipios. En total, calcúlase que o proxecto completo repercutirá sobre preto de 500 beneficiarias e beneficiarios que se seleccionaron tendo en conta, entre outros, criterios de equidade territorial urbano-rural e de equidade de xénero. Son institucións, organizacións locais, profesionais e estudantes, aínda que se considera que indirectamente os efectos positivos repercutirán sobre os 64.000 habitantes que suman Carice, Vallières e Monbin Crochu.
Accede aquí á conta de emerxencia para a recuperación de Haití e consulta a listaxe de entidades e persoas doadoras.