A exposición de realidade virtual ‘Os ODS son glocais’ chegará nas próximas semanas a nove concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para poñer de relevo a conexión entre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados por Nacións Unidas e a realidade local. No marco do proxecto europeo People & Planet, organizaranse percorridos guiados pola plataforma ods.fondogalego.gal, dirixidos principalmente á mocidade, empregando dispositivos móbiles e lentes de RV.
Os concellos de Bergondo, Boiro, Burela, Cabanas, Guitiriz, Pontedeume, Rianxo, Valga e Verín participan nesta iniciativa, que emprega as novas tecnoloxías, vinculándoas ao espazo público, para dar a coñecer dun xeito atractivo a Axenda 2030 e contribuír ao seu cumprimento. Neste senso, cada municipio seleccionou seis puntos (escolas, CIM, fontes, mercados, espazos naturais, etc,) que se ligan a outros tantos ODS centrados en temas como educación, igualdade, acceso á auga, consumo responsable ou acción polo clima.
Nun primeiro momento, a persoa usuaria entra nunha representación dese punto en 360º, desde o cal pode trasladarse a un escenario virtual, doutro país afastado na distancia pero ao que nos une a mesma loita a prol do desenvolvemento sostible. Neste novo escenario, preséntase un panel con información sobre o ODS concreto, ilustrada con imaxes dos proxectos de cooperación internacional impulsados polo Fondo Galego. Para rematar, ofrécense pautas que se poden aplicar na vida diaria para avanzar cara esa meta.
Aínda que calquera persoa pode gozar da experiencia desde a súa casa a través dunha pantalla, nos concellos implicados ofrecerase un primeiro percorrido guiado empregando os teléfonos móbiles pero tamén lentes de RV, para que a vivencia sexa totalmente inmersiva. Ademais, o grupo non só navegará pola plataforma, senón que se trasladará fisicamente a un par de lugares para acceder desde alí á versión online e iniciar o itinerario. De feito, nunha segunda fase instalarase en cada punto un código QR que se poida escanear para entrar directamente no espazo virtual.