O Fondo Galego convoca as xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria nas catro provincias

O Fondo Galego convoca as xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria nas catro provincias

O Fondo Galego convoca as xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria nas catro provincias 1199 799 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Os concellos de Brión, A Pastoriza, Allariz e Soutomaior acollen entre o 2 e o 5 de marzo as xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria, conformada por persoal das administracións locais e provinciais integradas no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Nestes encontros, a Secretaría Técnica da entidade fai balance dos proxectos de desenvolvemento apoiados en países empobrecidos ao longo de 2019, así como das actividades implementadas polas deputacións e concellos socios para concienciar fronte as desigualdades. Ao tempo, preséntanse as accións para o ano en curso e a estratexia a medio prazo, recollendo as achegas das e dos participantes.

Todas as reunións dan comezo ás 10.30 horas e as técnicas e técnicos delegados do Fondo Galego poden escoller a cal acudir. A sesión ábrese cun informe de situación da entidade, no novo contexto do mandato 2020-2023, para o que se están a elaborar as Liñas Estratéxicas, que o persoal municipal pode enriquecer coas súas propostas. A continuación, repásase o plan de actividades do último exercicio, no que se asesorou aos concellos na implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e as accións de educación para a cidadanía chegaron a milleiros de persoas en forma de exposicións, arte urbana, teatro ou música.

En canto aos proxectos de cooperación internacional, déuselle continuidade ás dúas iniciativas impulsadas en Mozambique, unha para previr doenzas e adiccións na mocidade a través do deporte e outra para garantir o abastecemento de auga nun municipio rural. Ademais, o Fondo Galego achegou axuda de emerxencia á vila mozambicana de Nhamatanda, que quedou devastada tras o paso do ciclón Idai.

En 2019 está previsto iniciar novos proxectos no país lusófono e abrir unha convocatoria de subvencións para ONGD. Así mesmo, continuarase coa captación de administracións socias, a concienciación de persoal político e técnico dos municipios e o programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, entre outras actuacións.

CALENDARIO DAS RMS

ORDE DO DÍA DAS RMS

  1. Fondo Galego: antecedentes e novo contexto.
  2. Reflexións para as Liñas Estratéxicas 2020-2023.
  3. Balance do Plan de Actividades 2019 e propostas para 2020.
  4. Rogos e preguntas.
    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información