O Fondo Galego asume a Vicepresidencia da Confederación de Fondos a nivel estatal

O Fondo Galego asume a Vicepresidencia da Confederación de Fondos a nivel estatal

O Fondo Galego asume a Vicepresidencia da Confederación de Fondos a nivel estatal 1199 454 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade exercerá a Vicepresidencia da Confederación de Fondos de Cooperación durante os vindeiros catro anos. Así o decidiron os nove fondos do Estado que a conforman durante a asemblea celebrada en Bilbao, onde o presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, cedeu a Presidencia da Confederación á vicepresidenta do Fons Català de Cooperació al Desenvolupament e rexedora de Santa Coloma de Gramenet , Núria Parlón.

A delegación galega completouse coa presenza da concelleira de San Sadurniño Ana B. Gundín e do edil de Cartelle Daniel Fernández, respectivamente vicepresidenta e tesoureiro do Fondo Galego, canda a secretaria da entidade, Andrea García Corzo. Todas e todos eles participaron tamén nas Xornadas ‘Cooperación descentralizada para o desenvolvemento: unha visión local e rexional ante os desafíos globais’, organizadas polo Goberno Vasco.

“Cando asumimos a Presidencia da Confederación a finais de 2017 propuxémonos reactivar este espazo de encontro, debate, aprendizaxe e unión da cooperación municipalista”, lembrou na súa intervención Juan González, que deu por acadado o reto. O presidente do Fondo Galego apuntou ademais que a Confederación “supón un marco inigualable para pór en común as nosas preocupacións, os atrancos que atopamos e traballar en defensa da cooperación ao desenvolvemento impulsada desde o local”, se ben admitiu que “son moitos os desafíos que quedan por diante” no contexto da Axenda 2030 aprobada pola ONU.

A renovación do Consello Confederal foi o eixo central da asemblea celebrada o mércores día 19 no Palacio Yohn, na que o Fons Menorquí de Cooperació pasou a ocupar a Secretaría da Confederación de Fondos, mentres que a Tesourería foi asumida polo Euskal Fondoa. As demais entidades ficaron con cadansúa vogalía: Fons Valencià per la Solidaritat, Fons Pitiús de Cooperació, Fondo Andaluz de Municipios para la Solidariadad Internacional (Famsi), Fondo Extremeño Local de Cooperación al Desarrollo (Felcode) e Fons Mallorquí de Solidaritat i Cooperació. A Confederación representa a un milleiro de municipios e deputacións con proxectos de desenvolvemento en máis de trinta países.

O Fondo Galego traspasoulle a Vicepresidencia da Confederación de Fondos ao Fons Català na asemblea celebrada en Bilbao.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información