Médicos Sin Fronteras pecha os encontros #Alén2015 analizando online a crise do ébola e outros conflitos

Médicos Sin Fronteras pecha os encontros #Alén2015 analizando online a crise do ébola e outros conflitos

Médicos Sin Fronteras pecha os encontros #Alén2015 analizando online a crise do ébola e outros conflitos 1048 786 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O responsable de Relacións Externas de Médicos Sin Fronteras España (MSFE), Carlos Ugarte, estará nos medios sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para poñer de manifesto a debilidade do sistema de resposta internacional ante crises e catástrofes, avaliar a emerxencia do ébola ou os recortes en axuda humanitaria no último ciberencontro #Alén2015.

O encontro dixital terá lugar o vindeiro luns 15 de decembro, entre as 12 e as 14 horas, nos perfís de Facebook (facebook.com/fondogalego) e Twitter (@FondoGalego) da entidade municipalista, como é habitual. As persoas interesadas en participar en directo deberán deixar as súas dúbidas a través do perfil de Facebook do Fondo Galego, no espazo reservado a comentarios no post coa fotografía de Carlos Ugarte que se publicará cando comece a conversa online, ás 12 horas do luns, ou no Twitter, co hashtag #EncontroMSF.

Aquelas e aqueles que non poidan intervir o mesmo día en que se organiza o encontro, poderán deixar as súas preguntas relacionadas con MSF con carácter previo nos post que anuncian o debate no Facebook do Fondo Galego, no espazo “comentar”, ben co hashtag #EncontroMSF no Twitter ou ben envialas ao enderezo fondogalego@gmail.com.

Médicos Sin Fronteras
É unha organización médico-humanitaria fundada en 1971 por un reducido grupo de médicos e xornalistas en París (Francia) co fin de conservar a esencia da acción médica independente en emerxencias. A súa misión é dar asistencia a poboacións en situacións de crise, sen discriminación por raza, relixión ou ideoloxía política.

Médicos Sin Fronteras España creouse en 1986, formando parte deste movemento internacional. MSF conta na actualidade con 19 seccións, máis de 32.000 profesionais en terreo e conta co apoio de máis de 5 millóns de socios e colaboradores no mundo (máis de 690.000 en España). En 1999 a organización recibiu o premio Nobel da Paz.

Os seus recursos económicos proceden nun 89% de fondos privados e un 11% de institucións, a fin de preservar unha independencia financeira que lles permita avaliar libremente as necesidades das poboacións ás que asisten.

Carlos Ugarte
Licenciado en Dereito pola Universidade de Deusto (Bilbao), leva vinculado a Médicos Sin Fronteras España (MSFE) desde 1994, cando coordinou a apertura da delegación de MSFE no País Vasco. Na actualidade, é responsable de Relacións Externas de MSFE, cargo que ocupa dende 2007. Previamente, desempeñou distintos labores dentro da organización.

Traballou como coordinador de proxectos de atención a persoas migrantes indocumentadas en España, coordinador loxista da Unidade de Emerxencias na República Democrática do Congo, Irak, Ecuador, Irán e Somalia ou coordinador xeral nas misións de Kosovo, Albania e Mogadíscio. Así mesmo, é promotor de 'Catro puntos cardinais', un documental sobre migracións.

#Alén2015
Este ciberencontro vén concluír o programa #Alén2015 que organizou o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ao longo deste ano a través de doce encontros dixitais mensuais coa finalidade de crear un espazo de debate e reflexión en torno a distintos temas relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, que conclúen o vindeiro ano, así como coñecer as propostas das convidadas e convidados para a Axenda Post 2015.

Na primeira intervención, realizada en xaneiro, participou o cofundador do Observatorio da Débeda na Globalización, David Llistar, e versou sobre a anticooperación, título homónimo dun dos seus libros. En febreiro estivo nas redes sociais do Fondo Galego Sarsur, un colectivo coruñés que aportou unha interesante visión sobre a situación do Sáhara Occidental. Helena Maleno, investigadora e integrante da rede de apoio Caminando Fronteras/Walking Borders, abordou en marzo os fenómenos migratorios e fronteiras. Tom Kucharz, membro de Ecoloxistas en Acción, ofreceu en abril unha pormenorizada reflexión sobre o declive enerxético, o consumo ou o cambio climático, entre outros temas. Nacho Martínez, da Plataforma 2015 y más, falou en maio sobre os ODM e a Axenda Post 2015.

En xuño, Amaia Celorrio, de ACNUR, fixo unha análise da situación que están a vivir persoas refuxiadas de todo o mundo. Margarita González, do grupo local de Amnistía Internacional na Coruña, centrou en xullo o seu discurso nos protocolos de actuación e intervencións de AI en países en conflito. María Reimóndez, fundadora e vicepresidenta de Implicadas no Desenvolvemento, amosou algunhas "alternativas" ao sistema de cooperación tradicional, ademais de tratar cuestións tan interesantes como os criterios de selección de países prioritarios para a realización de proxectos de cooperación. En setembro contamos con Pablo Rodríguez, que representou á Coordinadora Galega de ONGD e tratou, entre outras cuestións, o labor das organizacións galegas, o seu papel na sociedade e as dificultades ás que se enfrontan produto da crise.

O convidado de outubro, Marco Gordillo, coordinador de campañas de Manos Unidas, defendeu a cooperación local como un valor para a cidadanía, e sinalou a importancia do cambio climático e da seguridade alimentaria na erradicación da pobreza. En novembro estivo nas redes sociais do Fondo Galego Nanda Couñago, directora de Amarante Setem, que abordou temas como a compra pública responsable, o comercio xusto ou a defensa dos dereitos laborais das traballadoras do téxtil.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información