Catro muralistas chaman a preservar a auga con obras nas distintas provincias

Catro muralistas chaman a preservar a auga con obras nas distintas provincias

Catro muralistas chaman a preservar a auga con obras nas distintas provincias 2267 1123 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Catro obras promoverán a protección do recurso hídrico nos concellos de Moeche, Poio, Verín e Viveiro tras gañar o Concurso de Murais ‘People & Planet’. As propostas de Mikel Erkiaga, Isa Bermúdez, Noé Peiró e Raúl del Carmen resultaron ser as que mellor ilustran o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 6, que chama a “garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable e o saneamento para todas as persoas”. Unha viaxe sostible a Cabo Verde volve ser o premio nesta segunda edición do certame, convocado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e cofinanciado polo programa DEAR da Comisión Europea.

‘O importante’ é o título do bosquexo presentado polo bilbaíno Mikel Erkiaga, que se materializará nunha das naves municipais situadas no recinto feiral de Moeche (A Coruña). O autor convida a reflexionar sobre a necesidade de protexer a auga potable para asegurar a supervivencia dos seres vivos e consumila de xeito racional. A proposta fracciónase en diferentes pantallas que aproveitan a estrutura da parede para xogar co espazo dentro/fóra a través do contraste entre cores frías e cálidas, todo cun trazo moi persoal.

'O importante', de Mikel Erkiaga.

‘O importante’, de Mikel Erkiaga.

No caso de, Isa Bermúdez, nada en Alemaña e residente en Carballo, o xurado valorou a capacidade da súa obra ‘A viaxe’ para crear e representar unha historia, na que unha rapaza busca unha lagoa non contaminada para devolver ao seu amigo peixe á casa. Ademais, faino cun debuxo propio, dividido en seccións, que encaixa coa contorna do parque Costa Giráldez de Lourido, en Poio (Pontevedra), onde se levará a cabo.

'A viaxe', de Isa Bermúdez.

‘A viaxe’, de Isa Bermúdez.

‘A parte do xardín que non regas, murcha; se o regas por igual, non’. Así denomina o valenciano Noé Peiró o bosquexo para Verín (Ourense), en alusión á loita contra a escaseza e a contaminación da auga para que todas as persoas teñan acceso a ela. O deseño divídese en tres partes a través da distinta intensidade das cores, dentro da mesma gama, para chamar a atención sobre a diferenza entre a abundancia e a carestía do líquido elemento. O autor traballou a idea cunha intencionalidade crítica e a través dun estilo propio, ante a que o público facer a súa interpretación persoal e tirar conclusións.

'A parte do xardín que non regas, murcha; se o regas por igual, non', de Noé Peiró.

‘A parte do xardín que non regas, murcha; se o regas por igual, non’, de Noé Peiró.

Na obra que se pintará en Viveiro (Lugo), ‘Cando o río soa’, Raúl Manero, alias Raúl de Carmen, representa os ríos galegos como símbolos de pureza e de vida, mediante unha base en branco e negro sobre a que un trazado case cartográfico proporciona cor e movemento. Estas arterias acuáticas, esencia da nosa paisaxe, teñen un papel chave na sustentabilidade e no desenvolvemento da comunidade, de aí que a obra convide a coidalas, como redes que nos tecen. Alén desta capacidade evocadora, o xurado valorou a técnica da obra, abstracta pero propia, que espertará a curiosidade en quen a observe.

'Cando o río soa', de Raúl del Carmen.

‘Cando o río soa’, de Raúl del Carmen.

A segunda edición do Concurso de Murais ‘People & Planet’ recibiu un total de 11 deseños de 8 muralistas -das que 3 eran mulleres-, que foron valoradas polo xurado nunha xuntanza celebrada a semana pasada en Santiago de Compostela. As artistas Sandra Lodi, Julia Lago e Raquel Germade, canda Ana Díaz, activista de Ecoloxistas en Acción, e Manuel Fernández, técnico municipal de xuventude, integraban o tribunal que decidiu as propostas gañadoras. As e os seus autores viaxarán proximamente a Cabo Verde, co fin de coñecer a realidade dun país da África lusófona co que o Fondo Galego leva colaborando dúas décadas.

Ademais, as e os muralistas terán a oportunidade de presentarlle as súas propostas á mocidade dos municipios onde interveñan, podendo recoller as súas ideas e integrala nun pintado colectivo. Impúlsase así un artivismo que pon en valor o potencial transformador da creación artística, promovendo o pensamento crítico e reivindicando un cambio social. De igual xeito, foméntase a participación cidadá na construción de cidades e vilas sostibles, ao tempo que se transforma o espazo público de maneira colectiva.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información