O Fondo Galego estreita os lazos de cooperación coa rexión guineana de Cacheu

O Fondo Galego estreita os lazos de cooperación coa rexión guineana de Cacheu

O Fondo Galego estreita os lazos de cooperación coa rexión guineana de Cacheu 1080 790 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A misión político-técnica do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a Guinea-Bissau culmina con varias recepcións institucionais que referendan o traballo impulsado na rexión de Cacheu e avalan a súa continuidade. A delegación integrada polo presidente da entidade e alcalde de Nigrán, Juan González; o vicepresidente e edil de Cartelle, Daniel Fernández, e mais o vogal e alcalde de Cuntis, Manuel Campos, xunto cunha responsable técnica, visitou ao longo da última semana os proxectos financiados en materia de auga e saúde e regresará a Galicia mañá, coincidindo co Día de África.

Onte mesmo reuníronse con Lucía Piñón, Segunda Xefatura na Embaixada de España en Guinea-Bissau, que se comprometeu a estudar a posibilidade dunha posible alianza no marco do programa Erasmus+. No día de hoxe, as xuntanzas co goberno do país lusófono deron comezo no Ministerio de Economía, concretamente co director xeral de Planificación, Issa Jandi, e un membro do gabinete do ministro, Umaru Baldé, que valoraron moi positivamente os proxectos impulsados polo Fondo Galego, remarcando que son accións complementarias ás políticas de desenvolvemento promovidas polo goberno central.

Do mesmo xeito, o ministro de Administración Territorial e Poder Local, Marciano Silva, agradeceu a colaboración do Fondo Galego no difícil momento da pandemia e animou a continuar apoiando a poboación máis illada e desfavorecida na Illa de Pecixe. A delegación tamén se entrevistara nos primeiros días con representantes do goberno rexional de Cacheu, que expuxeron as principais problemáticas e potencialidades da zona. Finalmente, chegouse ao acordo de continuar prestando apoio a medio prazo en materia abastecemento de auga, servizos de sanidade materno-infantil e  formación dos cadros políticos locais e rexionais.

Desde que en 2020 iniciara a cooperación directa coa rexión de Cacheu, o Fondo Galego financiou ata agora cinco proxectos cun total de 72.000 euros. Se nun primeiro momento se dotou de materiais de protección e hixiene e de alimentos para facer fronte á Covid-19, posteriormente instaláronse camas e adquiríronse equipamentos para os centros sanitarios. Así mesmo, dotouse de auga potable a máis de 550 familias das comunidades de Cassaca, Reno e Pessangue a través da instalación de pozos e fontes. A delegación desprazada a terreo puido supervisar in situ o correcto desenvolvemento de todas estas iniciativas.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información