Remata a xira ‘Ti tamén contas’ tras levar historias de solidariedade a 24 concellos

Remata a xira ‘Ti tamén contas’ tras levar historias de solidariedade a 24 concellos

Remata a xira ‘Ti tamén contas’ tras levar historias de solidariedade a 24 concellos 1199 674 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A Tropa de Trapo pecha hoxe en Corcubión a xira 'Ti tamén contas' tras percorrer 24 concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A proposta músico-teatral, no seu formato para público infantil, recalará ás 17 horas na casa da Cultura, con entrada de balde. Sensibilizar sobre a solidariedade internacional é o obxectivo deste espectáculo que desde o mes de marzo pasou por escenarios de Carballo, Laxe, Culleredo, Sandiás, Pontecesures, Moraña, A Laracha, Ourense, Cabanas, Porto do Son, Cuntis, Tomiño, Malpica, Mondoñedo, O Barco, Bergondo, Oleiros, Pontevedra, Poio, Fene, Burela, Arteixo e Vilar de Santos.

Centos de nenas e nenos gozaron en auditorios, prazas e centros educativos de 17 municipios das historias 'O home feliz', 'A pelota' ou 'Tumbé', que introducen cuestións coma o materialismo, o traballo infantil ou as catástrofes naturais. A seguir, debátese co alumnado arredor da relación entre a abundancia e a felicidade, o consumo responsable ou a importancia da cooperación, sempre a través de dinámicas activas e participativas.

Implícase ao público a través de dinámicas participativas.Nas sete representacións para persoas adultas escoitáronse 'As mulleres de Torneiros', 'Liberia' e 'Potlach', que abordan a importancia dos pequenos retos cotiás, as mulleres que se organizan rompendo tabús relixiosos para acadar a paz ou a diversidade de respostas que culturalmente se lle poden dar a un problema. Fálase logo sobre a capacidade de acción para cambiar as cousas, a forza dos diferentes grupos sociais, a loita contra os prexuízos, o poder dos soños ou o valor da liberdade. A sesión culmina nunha escena de teatro-foro, técnica do teatro do oprimido na que se amosa un conflito e o público representa as solucións.

'Ti tamén contas' é o terceiro espectáculo no que colaboran a compañía compostelá e mais o Fondo Galego, despois do éxito colleitado desde o ano 2010 por 'Contos coas mans abertas' e por 'Antía, Wamba e o regato pequeno' nos municipios que integran esta rede. Marta Ortiz e Brais das Hortas son dous ensinantes de vocación que en 2006 xuntaron as súas inquedanzas pola narración oral no proxecto A Tropa de Trapo. Desde entón levan percorrido toda Galicia, e mesmo outras Comunidades Autónomas, facendo reflexionar a nenas e nenos, mocidade e maiores coas súas diferentes iniciativas.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información