O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade destinará este ano 50.000 euros ao financiamento de proxectos para axentes de cooperación galegos en países do Sur. As organizacións interesadas en concorrer a esta convocatoria de subvencións para cooperación indirecta teñen de prazo desde o 14 de maio ata o 15 de xuño para presentar as súas propostas. Tanto as bases coma os formularios correspondentes están dispoñibles aquí.
Aínda que seguiu adiante con proxectos de cooperación directa, en 2011 o Fondo Galego houbo de prescindir da convocatoria de cooperación indirecta por mor da crise, como medida de contención e aforro. No exercicio actual, pese a recoñecer que a cifra é modesta, fíxose un esforzo por apoiar e reforzar o tecido solidario galego con estas axudas, que manifestan o desexo da entidade municipalista por seguir articulando mecanismos de colaboración coa sociedade civil que reforzen o tecido solidario en Galicia.
O Fondo Galego informará formalmente da convocatoria ás organizacións non gobernamentais na xuntanza do Consello Municipalista da Cooperación que se celebrará o mércores 9 de maio ás 17 horas en Santiago de Compostela, na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
No encontro darase conta ademais do novo ciclo da cooperación municipalista en Galicia, que entre outros obxectivos profundará na colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD, e demais axentes e ONGD do tecido solidario e universalista galego. Presentarase ademais o proxecto europeo 'Redes para o desenvolvemento', onde as organizacións teñen ao seu dispor unha plataforma virtual que lles permite ofrecer e recadar información doutros axentes para estableceren alianzas e acudir a financiamento da UE.