O Fondo Galego de Cooperación e Solidariredade praticipará no Fórum da Cooperación Municipalista desde a Unión Europea que se desenvolverá en Palma de Mallorca os vindeiros 25 e 26 de setembro. O Fons Mallorquí de Solidaritat i Cooperació organiza estas xornadas de traballo sobre cooperación descentralizada e, máis especificamente, sobre o municipalismo desde unha perspectiva europea.
Coñecer o punto de vista da UE sobre a cooperación descentralizada e divulgar o traballo das redes europeas de ámbito municipalista son algúns dos obxectivos do encontro, no que tamén se presentarán as liñas estratéxicas da Unión Europea en materia de cooperación ao desenvolvemento para o período 2014-2020. Ao tempo, búscase favorecer o establecemento de sinerxías entre entidades das Illas Baleares e doutros países da UE, amais de intercambiar experiencias positivas de colaboracións europeas entre autoridades locais e organizacións da sociedade civil.
O secretario do Fondo Galego intervirá o venres na mesa sobre ‘Autoridades locais e organizacións da sociedade civil: experiencias de traballo conxunto para o desenvolvemento local’, onde exporá o proxecto Redes para o Desenvolvemento que na actualidade desenvolve con entidades de Holanda, Alemaña e Portugal. Froito desta iniciativa é a Rede Intermunicipal de Cooperação para o Desenvolvimento creada no país veciño, cuxa secretaria técnica, Hermínia Ribeiro, tamén participará na mesa canda expertas e expertos de Italia, Euskadi, Andalucía ou Países Baixos.
O programa e toda a información permanece dispoñible na páxina do evento en Facebook e na web, onde tamén se pode formalizar a inscrición.