O Fondo Galego de Cooperación apoia a construción de cuartos de baño na illa caboverdiana do Maio

O Fondo Galego de Cooperación apoia a construción de cuartos de baño na illa caboverdiana do Maio

O Fondo Galego de Cooperación apoia a construción de cuartos de baño na illa caboverdiana do Maio 400 533 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está a promover a instalación de cuartos de baño en 60 vivendas da illa do Maio, en Cabo Verde. O proxecto execútase nas localidades rurais de Figueira e Ribeira Don João, co obxectivo de reducir a incidencia das enfermidades derivadas da falta de hixiene. A iniciativa conta co apoio económico da Xunta de Galicia. Entre ambas as dúas entidades galegas achegan 49.200 euros.

Este proxecto de cooperación directa entre o Fondo Galego e a Câmara Municipal do Maio implica as familias beneficiarias, ás que se lles facilita o material e o asesoramento técnico necesario para a construción dos baños. As louzas, tubaxes, etc. adquírense na propia illa, contribuíndo así á dinamización da economía local. Cómpre ter en conta que o 90% da poboación vive con menos de 2,2 euros ao día, de aí a dificultade de teren investido neste tipo de obras. De xeito paralelo, en colaboración coas asociacións comunitarias, estanse a levar a cabo campañas de sensibilización para a saúde co fin de que a veciñanza adopte novos hábitos de hixiene. Mediante charlas e representacións do grupo de teatro difúndense os perigos da insalubridade e a necesidade de utilizar e manter os cuartos de baño. En Figueira e Ribeira Don João, 2 de cada 5 vivendas non dispoñen de baños, pero ademais detectouse que o 40% daqueles habitantes que o teñen non o usan.

A práctica popular de realizar as necesidades fisiolóxicas ao aire libre deriva en afeccións da pel e doenzas diarreicas, que deixan aos afectados en condicións máis vulnerables a outras enfermidades. Como consecuencia, unha das principais causas de mortalidade infantil no Maio é a deshidratación. A localización da illa nunha faixa tropical acentúa as ameazas de contaminación, feito que se manifesta na frecuencia de infeccións transmitidas por insectos ou roedores, coma o paludismo ou a epidemia de dengue acontecida na época de choivas de 2009. A iniciativa do Fondo Galego de Cooperación, que entronca directamente cos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, pretende reducir nun 30% a incidencia deste tipo de doenzas. De maneira colateral, mellorará a privacidade e a dignidade das persoas, sobre todo das mulleres, que son quen máis sofre coa falta de sanitarios limpos e seguros. 

Unha colaboradora do Fondo Galego vén de verificar sobre o terreo a boa marcha do proxecto, que botou a andar hai uns meses e que se prolongará ata finais de ano. Trátase dunha mostra máis da valiosa cooperación entre as administracións locais do norte e do sur. A asociación galega de Concellos e Deputacións xa levara a cabo o ano pasado, en parcería coa municipalidade do Maio, a edificación e dinamización dun centro comunitario para as vilas de Alcatraz e Pilão Cão. Na actualidade tamén traballa coa Câmara Municipal de Brava para mellorar o abastecemento de auga na localidade de Baleia, mentres que en colaboración coa Câmara Municipal de Paúl estanse a mellorar as condicións de habitabilidade na localidade de Eito. O Fondo Galego de Cooperación leva máis dunha década colaborando coa Associação Nacional de Municípios Cabo-Verdianos, entidade na que se integran os 22 municipios do arquipélago. No país africano executáronse preto de 40 proxectos que van dende o abastecemento de auga e a construción de colexios ata a implantación de plans de igualdade ou medio ambiente.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información